As forzas independentistas roldan a maioría absoluta en Catalunya a unha semana das eleccións, segundo unha enquisa que hoxe publica eldiario.es
Fálase
Campo Galego destaca que Gadisa segue usando o leite como reclamo comercial malia o compromiso adquirido cos gandeiros.
Syriza gaña as eleccións. A pesar de que o escrutinio oficial está aínda no 25%, o líder de Nova Democracia, Vangelis Meimarakis, xa recoñeceu a vitoria de Tsipras, por unha marxe moi superior á anunciada polas sondaxes. Syriza obtería 144 deputados e o 35,4% dos votos, un punto menos que en xaneiro, fronte ao 28% de ND, que repetiría o resultado de hai meses. A maioría absoluta está fixada en 151 escanos.
Os colexios electorais veñen de pechar en Grecia. As sondaxes a pé de urna indican unha leve vantaxe de Syiriza (30-35 por cento) sobre Nova Democracia (28-33). Amencer Dourado (6-8) sería a terceira forza, superando a Pasok (5-7,6), KKE (5-7,4) e Potami (3,5-6). Unidade Popular (2,5-4,5) e Anel (2,4-4,5) entrarían na cámara de forma máis axustada, aínda que nove forzas poderían obter representación. A abstención podería ter superado o 40%. Os primeiros resultados oficiais comezarán a coñecerse a partir das oito.
O Deportivo caeu en Riazor ante o Sporting de Xixón (2-3). Todos os goles chegaron na primeira media hora de partido. O equipo branquiazul mantense na zona media da táboa, con 5 puntos.
Pablo López analiza en El Confidencial a situación do Porto Exterior da Coruña, unha instalación case sen actividade que leva consumidos máis de mil millóns de euros e que recentemente viu frustradas as promesas de investimento de Pemex e Beijing 3E.
O Celta derrota o Sevilla a domicilio (1-2) e mantense nos primeiros postos da Liga. Nolito e Wass marcaron os goles celestes; Llorente para o Sevilla.
Os xornalistas vigueses Cristian López e Felipe Carnotto, que se atopan dende hai días entre Macedonia e Serbia informando sobre o éxodo dos refuxiados, foron detidos pola policía serbia acusados de cruzar ilegalmente a fronteira. Tiveron que permanecer seis horas na comisaría e pagar unha multa antes de ser liberados. Este domingo continuarán o seu labor.
As corridas de touros reducíronse en España dende o 2011 (de 2.290 pasaron a 1.868). Porén, o número de festexos populares, coma o Toro de la Vega, incrementouse neste tempo. Galicia sitúase, con tres corridas e outros seis festexos, entre as comunidades con menos actividade da tauromaquia.
Javier Gómez Noya, campeón do mundo de triatlón por quinta vez. O galego foi segundo na carreira de Chicago e obtén o campionato. Convértese no triatleta con máis títulos mundiais da historia (2008, 2010, 2013, 2014 e 2015)