PNV, PSE-EE, Aralar e IU-Ezker Anitza impulsan a creación do Instituto da Memoria, Convivencia e Dereitos Humanos, que recuperará a memoria das vítimas das guerra civil, a ditadura e o terrorismo.
Fálase
Os mandatarios do G-8, reunidos en Camp David baixo os auspicios de Barack Obama, emiten un comunicado no que apostan polo crecemento e relativizan a austeridade, segundo informa The New York Times. Tras matizar que "as medidas axeitadas non son as mesmas para cada un de nós", a nota conxunta afirma rotundamente que “o noso imperativo é promover o crecemento e o emprego”. Canto á austeridade, os líderes do G-8 defenden que os recortes “deben tomar en conta a evolución das condicións económicas dos países e apuntalar a confianza e a recuperación económica”.
Fútbol. O Chelsea proclámase campeón europeo de clubs por primeira vez ao vencer a final da UEFA Champions League disputada en Munich. O título decidiuse nos penaltis, despois de que o tempo de xogo e a prórroga rematasen con empate a un gol. No final do 2º tempo, marcaron Müller para o Bayern de Munich e Drogba para o Chelsea, mentres que na prórroga Robben desperdiciou un penalti, cometido por Drogba e parado por Cech, que podería ter dado o título ao equipo local. O penalti decisivo foi anotado por Drogba.
Alberto Núñez Feijoo estará nos almorzos informativos de Europa Press este luns 21, no medio da polémica sobre o desaxuste do déficit de varias comunidades autónomas.
Hai dous anos a revista Science revelaba que Craig Venter e o seu grupo lograran crear unha célula bacteriana a partir dun xenoma sintetizado químicamente.
Un vídeo recolle varias agresións dun mesmo grupo de policías a manifestantes e xornalistas, coma Javier Bauluz.
Obama e Merkel manterán unha reunión bilateral tralo remate do cumio do G-8 que se celebra en Camp David.
Fútbol masculino: fase de ascenso a 2ªB. O Ourense derrotou o Laudio en Euskadi (1-3). Con esta vitoria, os ourensáns están moi preto de garantir o retorno á categoría de bronce do fútbol estatal, para o cal lles abonda empatar ou mesmo perder por un gol o partido de volta, que se disputará no campo do Couto dentro dunha semana. Pola súa banda, o Alondras perdeu por 1-0 na súa visita ao Cayón cántabro e terán que remontar na casa para seguir aspirando ao ascenso. O Cerceda xoga mañá ás 12h no campo do Cuarte Industrial zaragozano, mentres o Pontevedra recibirá o Espanyol B ás 18h en Pasarón.
O Celta imponse con contundencia ao Alcoyano (4-0) con goles de Álex López (1'), Iago Aspas (27'), Álex López (77') e Orellana (85'). O Deportivo xoga mañá en Xerez ás 20h, e o Valladolid recibe o Sabadell ás nove e media.
O PSdeG de Miño acusa o Concello de "despilfarro" polas obras dun bulevar no que xa se gastaron 5,5 millóns de euros e no que por exemplo se instalaron farolas de 72 mil euros cada unha ou unha escultura de 50 mil.