O TSXG confirma a maioría absoluta do PSdeG-PSOE en Caldas de Reis ao aceptar dúas papeletas socialistas que foran impugnadas polo PP. En Ordes o tribunal outórgalle a vitoria ao PP sobre UXO por sete votos e un edil de diferenza, ao desestimar un recurso deste grupo independente.
Fálase
El Diario analiza as dificultades que está atopando Tsipras no seo da propia Syriza, despois de verse obrigado o Goberno grego a realizar importantes cesións ante a troika para garantir a liquidez. Público destaca que unha parte importante da débeda grega procede dun disparatado gasto militar na última década, con millonarios contratos en beneficio de Francia ou Alemaña
Pablo Iglesias e Alberto Garzón reuniranse este mércores para "falar das perspectivas de ambas organizacións de cara ás próximas eleccións xerais"
Ao redor de 150 mil persoas festexaron o San Xoán na Coruña. A celebración encheu de cacharelas toda Galicia e, por exemplo, tamén Panxón (Nigrán) se encheu de xente, con máis de 20 mil paticipantes
Ferrol en Común e PSdeG presentan a composición do novo goberno ferrolán, que definen como un gabinete "cohesionado" e "estable". Recólleo Ferrol 360
O Concello da Coruña paralizará os desaloxos dos veciños de Elviña afectados polo Ofimático e que provocaran unha forte resistencia cidadá na cidade. O goberno da Marea Atlántica anuncia que buscará unha modificación do plan para unha conexión alternativa que evite problemas aos veciños e cooperativistas logo de reunirse coa plataforma Elviña Non se Vende.
O FROB envía á Fiscalía outras catro operacións de Novacaixagalicia que xeraron perxuízos económicos por 170 millóns de euros.
A asemblea do BNG de Lugo aproba non entrar no Goberno local que encabeza Lara Méndez. "Aínda que non formemos parte do goberno traballaremos construtivamente co goberno", di o seu responsable local, Alexandre Penas.
Lidia Senra (AGEe) poderá consultar este martes pola mañá durante dúas horas algúns dos documentos confidenciais das negociacións sobre o TTIP. Terá que entrar na sala de lectura sen teléfono, sen bolígrafo e papel, será supervisada en todo momento por persoal do Parlamento Europeo e terá que comprometerse a non revelar ningún contido.
Non haberá chuvia na noite de San Xoán. As néboas e a nubosidade que marcarán a xornada en boa parte de Galicia irán retirándose ao longo da tarde en boa parte do país, con temperaturas frescas, iso si. A preamar, as dez da noite, dificultará a ocupación das praias.