Este martes quedará inaugurado o derradeiro treito da autovía A8, que conecta Galicia con Francia. Esta inauguración, entre Asturias e Cantabria, pon fin a 25 anos de obras en Asturias.
Fálase
O Parlamento grego vota este luns por terceira vez para investir Stavros Dimas como presidente. Se non acadase unha vez máis os 180 apoios necesarios, a cámara disolveríase e convocaríanse eleccións, con Syriza en cabeza nas enquisas.
O Goberno adxudícalle ao Banco Santander a conta de depósitos xudiciais, que recolle as fianzas, taxas, embargos e multas ditadas polos xulgados e tribunais, e que cada ano ingresa ao redor de 7 mil millóns de euros. Ademais, o Executivo deixa de publicar información sobre os movementos desta conta, que até o de agora se facían públicos cada trimestre.
Diego Cañamero, portavoz do SAT, abandona IU xunto cun grupo de dirixentes da CUT, polo apoio da coalición ao goberno de Susana Díaz en andalucía e aos seus orzamentos para o vindeiro ano.
El Diario publica a sondaxe de decembro de Celeste-Tel; o PP gañaría as eleccións xerais cun 29,9% dos votos (0,56 puntos menos en novembro), seguido do PSOE co 24,1% (0,4 puntos menos) e Podemos co 21,7% (0,13 puntos máis). IU obtería o 4,93% e Ciudadanos o 3,93%. O BNG tería o 0,55% dos votos
Membros da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C realizarán este luns actividades informativas ás portas de consultas externas do Hospital Clínico de Santiago e do Hospital Xeral de Vigo. Reclaman que as autoridades lles concedan o tratamento con Sofosbuvir "que os nosos médicos nos prescriben no sistema sanitario público"
Darío Villanueva, novo presidente da RAE, aposta por "coidar" a transmisión do galego "nas familias" para que non se perda. Rexeita visións catastrofistas sobre o futuro da lingua, destaca a capacidade de resistencia dos idiomas e subliña que o galego ten unha "situación constitucional" mellor que nunca
Público faise eco nunha reportaxe do caso de Patricia Heras, supostamente torturada pola policía en Barcelona, condenada inxustamente e que se suicidou posteriormente. A súa historia foi relatada polo documental Ciutat Morta, premiado nos festivais de Málaga e Donostia e censurado por TV3 ata que a presión cidadá obrigou á súa emisión, que terá lugar este mes de xaneiro.
O marisco recollido na ría de Arousa cae ao seu nivel mínimo tras o Prestige, sobre todo en vieira, ameixa e berberecho. A produción de ameixa en Carril pasou dos 435.563 quilos de 2012 aos 15.636 deste ano que remata
La Voz de Galicia entrevista a José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG-PSOE: "Toda a xestión de Feijoo na Xunta tradúcese en 'a culpa non é miña'"