Stephen Hawking foi o gran protagonista da cerimonia de apertura dos Xogos Paralímpicos de Londres, que tivo lugar esta noite

Stephen Hawking foi o gran protagonista da cerimonia de apertura dos Xogos Paralímpicos de Londres, que tivo lugar esta noite
O gobernador do BCE, Mario Draghi, publica un extenso artigo no xornal alemán Die Zeit, no que cunha gran dose de pragmatismo e ambigüidade, busca tranquilizar ao tempo a Berlín e aos países do sur, pedíndolle a Alemaña maior flexibilidade para salvar o euro, pero garantindo un meirande control sobre os gastos dos países máis pobres.
Murcia anuncia a privatización da súa televisión autonómica. A partir de setembro convocarase un concurso para a adxudicación do servizo a un operador privado, aínda que a titularidade seguirá sendo pública.
Joaquim Rodríguez mantén o liderado da Vuelta a España, despois da contrareloxo Cambados-Pontevedra, que vén de finalizar coa vitoria do sueco Kessiakoff por diante de Contador e Froome. O catalán ten un segundo de vantaxe sobre Contador, 16 sobre Froome e 59 sobre Valverde.
Este xoves celébrase na Coruña unha concentración de apoio á poboación de Barillas, en Guatemala, onde a empresa galega Ecoener-Hidralia está a construír unha central hidroeléctrica que espertou a oposición frontal das comunidades indíxenas da zona. En xuño xa se convocou unha concentración diante da sede da empresa. Será ás doce do mediodía en María Pita.
A familia de Avelino Pousa Antelo agradece "as mostras de cariño e palabras de alento" recibidas que, afirman, sentiron "coma unha aperta de irmáns e aliviando os nosos corazóns feridos de ausencia mais esperanzados en manter aceso o facho que prendeu nas nosas vidas". Salientan o "baleiro" aberto "nesta casa de Teo que el enchía co seu ollar tenro, a súa actividade inesgotable, o seu sabio consello, as súas palabras animosas que nos facían sentir capaces de todo, o seu sorriso que enchía as nosas facianas, o seu inconformismo e a súa ética que nos alentaba a ser mellores ou cando menos a intentalo…"
Un militante do PSOE da Coruña, Ángel Burgos, pugnará finalmente con Pachi Vázquez por ser candidato do PSOE, segundo informa Europa Press. Consciente da súa dificultade para acadar os avais necesarios no Comité Nacional do partido, a súa intención é iniciar un movemento na militancia para forzar a convocatoria de primarias na primeira quincena de setembro.
Sindicatos de varios países estarían negociando a convocatoria conxunta dunha folga xeral en todo o sur de Europa, nomeadamente España, Portugal, Italia e Grecia, na primeira semana de outubro, que coincidiría co inicio da campaña electoral en Galicia. Unha información de Cuarto Poder.
Alberto Núñez Feijoo saca peito nun acto en Ribeira e afirma que "hoxe Galicia paga e Catalunya pide"
O candidato do BNG, Francisco Jorquera, faise eco no seu twitter dos rumores que sitúan a petición de rescate en novembro, xusto despois das eleccións galegas. Denuncia que "o PP manipula e oculta información por intereses eleitorais".