O PP desbota o pleno extraordinario que reclamou formalmente o PSdeG para, entre outras cousas, iniciar a investigación das caixas, pero garante que se celebrará unha sesión en xullo que incluirá este asunto. Toda a información, esta tarde en Praza.
Fálase
CC.OO. e UGT anuncian mobilizacións contra os recortes para o sábado 21 de xullo. Mentres, a CEOE apoia as medidas; Juan Rosell di que "é o momento de estar co Goberno para apoiar todas as reformas que haxa que facer".
Comezan as intervencións dos líderes sindicais mineiros fronte ao Ministerio de Industria. Na parte traseira da manifestación (que a policía local cifra en 35 mil participantes; máis de cen mil para os organizadores) a policía comezou a cargar, provocando seis feridos leves e unha persoa detida.
A masiva manifestación mineira chega por fin ás proximidades do Ministerio de Industria. Esperanza Aguirre vén de restar importancia ao apoio cidadán a esta protesta. Di que onte na Porta do Sol había 20 mil persoas e que "para ser concelleiro en Madrid hai que encher varias veces o Bernabeu"
Arraianos, o filme de Eloy Enciso, seleccionado para o prestixioso festival de cinema de Locarno, que se celebrará a comezos de agosto.
A manifestación dos mineiros xa está na Castellana, camiño ao Ministerio de Industria, onde finalizará dentro dunha hora.
Cayo Lara (IU) esixe a fin da SICAV, a creación de impostos ás grandes fortunas, a persecución da fraude fiscal e impostos medioambientais, como alternativas para incrementar os ingresos. Lara afirma que Rajoy "está botándolles gasolina ás rúas" coas medidas anunciadas hoxe.
O sindicato CSIF anuncia mobilizacións de traballadores do sector público en xullo e agosto, e esta semana valorará a convocatoria dunha folga para o mes de setembro.
Primeiras reaccións aos recortes anunciados por Rajoy. Nun discurso gris, Rubalcaba critica as medidas, culpa da situación á "nefasta xestión de Bankia" e propón un imposto para as grandes fortunas. Outros deputados, como Eduardo Madina, falan en twitter: "A dereita española aplaude, posta en pé, o meirande ataque directo á calidade de vida dos españois da historia da democracia".
En canto ás axudas sociais, Rajoy anuncia que "se revisarán os baremos de dependencia" e tamén se procederá "unha revisión ás prestacións de desemprego", nas que o presidente do Goberno asegura que "se manterá o importe actual durante os primeiros seis meses" pero a partir de aí reducirase do 60% ao 50% da base reguladora. O Goberno tamén quere "acelerar a revisión da xubilación anticipada, que tratará ante o Pacto de Toledo.