A futbolista Verónica Boquete será a pregoeira das Festas do Apóstolo. A xogadora compostelá vén de recibir a Medalla Castelao no mesmo ano en que logrou a Champions co Bayern de Munich.
Fálase
As dúas primeiras sondaxes publicadas preguntando sobre a intención de voto no referendo grego do vindeiro domingo ofrecen unha vitoria do si á oferta do FMI: 47,2% fronte a 33% (Kapa Research) e 57% fronte a 29% (ALCO)
A planta de Nostián, na Coruña, segue lonxe das súas previsións ao deixar sen reciclar un 56% do lixo en 2014. A oferta de reciclaxe coa que Albada gañou a concesión en 1997 era do 65%
O exército israelí interceptou en augas internacionais, a 150 quilómetros da costa de Palestina, o Marianne de Gotemburgo, que se dirixía a Gaza buscando romper o bloqueo imposto polo Estado xudeu. No buque viaxa Ana Miranda (BNG) xunto con outros 20 activistas, que están sendo escoltados cara á territorio israelí, onde serán interrogados e deportados.
O Goberno grego anuncia controis de capital e o peche dos bancos e da bolsa este luns, unhas medidas -sinalou Tsipras nunha intervención pública- forzada pola falta de apoio da UE. EEUU pídelles a Alemaña e ao FMI un acordo con Grecia que inclúa unha "posible quita" da débeda
Ao redor de 500 persoas concentráronse este domingo en Curtis para protestar polas prácticas abusivas da industria láctea. Participaron representantes do Sindicato Labrego Galego e Unións Agrarias, os alcaldes de BNG e PSdeG-PSOE da comarca, deputados de AGE e BNG e a eurodeputada Lidia Senra.
O BCE anuncia que mantén a axuda aos bancos gregos ao nivel decidido o venres. O goberno grego podería verse obrigado mesmo así a decretar medidas que eviten a saída de capitais.
Yanis Varoufakis explica no seu blog como se desenvolveu a xuntanza deste sábado do Eurogrupo, na que -conta- mesmo lle chegaron a preguntar, en relación co referendo convocado, "como ían entender cidadáns correntes asuntos tan complexos". O ministro grego de Economía alerta de que "a credibilidade do Eurogrupo" queda "danada para sempre" ao non aceptar a extensión do acordo ata despois da consulta.
Somos Nós celebra este domingo en Compostela a súa I Asemblea Xeral. Aprobará unha Xunta Directiva, un Plan de Traballo para 2015 e unha declaración política sobre as eleccións xerais de novembro. Toda a información, esta tarde en Praza.
A perda da Deputación de Lugo por parte do PSdeG-PSOE (á espera dunha posible moción de censura) podería darlle ao PP a presidencia da Fegamp, destaca La Voz de Galicia.