Os ilustradores galegos José Domingo e Emma Ríos, candidatos aos premios Eisner do cómic, uns dos galardóns máis prestixiosos do sector, que se entregarán o vindeiro 25 de xullo no marco da ComicCon de San Diego.
![](https://praza.gal/media/cache/live_image/xornal/uploads/falase/foto/534e680e3e84d-captura.png)
Os ilustradores galegos José Domingo e Emma Ríos, candidatos aos premios Eisner do cómic, uns dos galardóns máis prestixiosos do sector, que se entregarán o vindeiro 25 de xullo no marco da ComicCon de San Diego.
A aplicación móbil Apparcar, creada polo vigués José Luís Leirós, foi un dos dez proxectos elixidos pola aceleradora de novas ideas empresariais Wayra (promovida por Telefónica) entre os 660 presentados en toda España. Coa axuda do GPS localiza os espazos libres máis próximos para aparcar un vehículo e permite a súa reserva por un pequeno periodo de tempo.
Gciencia lembra nunha reportaxe a historia de 22 orfos coruñeses que en 1803 foron infectados coa vacina da varíola para levala a distintos puntos de América.
España, o país cunha meirande aceptación da homosexualidade entre os 40 estudados por unha investigación do Pew Research Center. Tan só o 6% da poboación o ve como algo "inaceptable".
Campesiños de Colombia e Chile rebélanse contra o poder de Monsanto e conseguen paralizar as leis que lles prohibían gardar e intercambiar sementes. A norma obrigaríaos a pagarlles rendas cada ano ás multinacionais.
O Sergas clausura no verán 219 das 1.240 camas do Hospital de Vigo. Os sindicatos denuncian que se trata da maior porcentaxe de peches da historia. De igual xeito, CIG-Saúde denuncia o peche durante tres meses de catro unidades do Hospital de Lugo.
O Tribunal Constitucional levanta o veto á asistencia sanitaria gratuita en Navarra a inmigrantes, unha lei que fora recorrida polo Goberno central. Os xuíces argumentan que o dereito á saúde non se pode ver desvirtuado en base a un eventual aforro económico.
O fiscal imputa o alcalde de Porriño por centos de contratos fraudulentos e por pagos sen xustificar por valor de catro millóns de euros. O caso levaba sendo denunciado polo PSdeG-PSOE dende o pasado ano. Entrevista por Praza, a socialista Eva García dicía "se non pode explicar o seu comportamento e a súa xestión, ten que dimitir".
Un hotel de Asturias rexeita o currículo dunha madrileña ao considerar "ridículo, absurdo e innecesario" que a aspirante teña "un nivel alto de lingua galega". Cóntao ela mesma en La Voz.
A revista Cafèambllet comezou esta mañá a distribuír de forma gratuíta 145.000 exemplares en toda Catalunya, nunha edición (a primeira de catro), que analiza a influencia da banca nos medios. Foi posible grazas ao apoio de 1.600 mecenas e á colaboración de centos de activistas á hora de distribuíla.