Benjamin Netanyahu gaña as eleccións en Israel con 29 deputados fronte á coalición Unión Sionista do laborista Isaac Herzog, con 24. O actual primeiro ministro buscará agora apoios para acadar os 61 escanos que necesita para gobernar, no que será o seu cuarto mandato. A unión de partidos árabes converteuse, con 14 deputados, na terceira forza.
Fálase
O Tribunal Supremo anula a sentenza da Audiencia Nacional que absolvera 19 dos 20 imputados polas protestas ante o Parlamento de Cataluña de xuño de 2011 e condena oito deles a tres anos de cadea por un delito contra as institucións do Estado
Beber licor de herbas é bo para a saúde. É a conclusión á que chega a tese de doutoramento da investigadora de Biotecnoloxía Alimentaria de Ourense Raquel Rodríguez. Recólleo GCiencia
“Las malas compañías” de Manuel Darriba, gañador do I Teatroula, Concurso de Textos para Microteatro, organizado por LaTuerka27 e a Asociación Galega de Guionistas (AGAG)
As empresas galegas empregan as redes sociais por riba da media española. Fano o 35,2% das compañías con menos de 10 traballadores e o 38,5% das que contan con cadros de persoal maiores, segundo destaca o estudo A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, elaborado polo observatorio OSIMGA. Así mesmo, tres de cada catro empresas galegas de máis de dez traballadores dispoñen de páxina web.
Facenda compara o PP con Cáritas para eximilo de tributación polas doazóns recibidas, algo que, segundo a AEAT, beneficia a sociedade.
O PSdeG celebra hoxe en Fontiñas un debate sobre a discriminación da muller no deporte, no que intervirán Pilar Cancela, Carmen Acuña ou Pilar Neira.
O equipo de investigación que traballa na identificación dos restos de Cervantes confirma que o féretro achado no convento das Trinitarias, en Madrid, corresponde ao escritor.
O Festival de Cans recoñece co Premio Pedigree 2015 o actor ferrolán Javier Gutiérrez, que este ano gañou o Goya ao mellor actor por La Isla Mínima. Os Chimpíns de Prata, Premio Pepe Puime, son para a veciño carpinteiro Juan Maceira e o director Alfonso Zarauza, gran difusor do festival
Esta fin de semana falláronse os premios do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que recoñeceron proxectos situados en Ourense, Abegondo, Coeses (Lugo), Ribeira, Vigo e A Illa de Arousa.