A asemblea de traballadores de Urbaser en Lugo aceptou recoller o lixo acumulado nos puntos que foron declarados de risco sanitario, 74 en toda a cidade. Con todo, a folga mantense. O Concello ameazou esta mañá con botar man da Unidade Militar de Emerxencia.
Fálase
Os 18 debuxantes e colaboradores que abandonaron El Jueves pola censura á portada dedicada á Monarquía presentan nestes momentos Orgullo y Satisfacción, centrada no seu primeiro número na proclamación de Felipe VI. Nas súas primeiras horas vendeu máis de 15 mil exemplares. Pódese seguir a presentación en directo
Juan Carlos asina a súa abdicación como rei de España, que será efectiva tras a súa publicación no BOE esta medianoite.
O Concello de Lugo deulle a Urbaser un prazo de dúas horas para que inicie a recollida do lixo acumulado nas rúas da cidade, despois de nove días de folga, xa que asegura que os efectivos de Tragsa "non son necesarios". En caso contrario, ameaza con botar man da Unidade Militar de Emerxencia. Tamén lle dá a Urbaser un prazo de cinco días para que a empresa cumpra os servicios mínimos, e, de non ser así, "iniciarase un expediente de caducidade da concesión"
O deputado socialista Joan Ignasi Elena, líder da corrente Avancem, deixa o PSC. Aínda non confirmou se pasará ao grupo mixto ou se abandonará o seu escano.
A Policía impedirá exhibir bandeiras republicanas ante a comitiva real que percorrerá Madrid tras a proclamación de Felipe VI
O pleno extraordinario do Concello de Santiago, con só 4 dos 13 edís cos que conta o PP, oficializa en 2 minutos as renuncias e novas incorporacións.
Preséntase en Compostela a plataforma contra a corrupción no Concello, formada por unha ducia de organizacións políticas e sociais. Convocan unha asemblea aberta para o vindeiro día 25. A información, hoxe en Praza.
Xa está en marcha en Lugo o primeiro seminario sobre goberno aberto. Organizado pola Deputación provincial e a USC, aborda con expertos na materia os mecanismos de participación cidadá e transparencia a través da tecnoloxía.
Un incendio permanece activo en Ribadeo, na parroquia da Devesa, despois de queimar xa máis de 20 hectáreas. A Xunta dá por controlados os dous rexistrados onte en Rubiá (Ourense), onde arderon unhas 47 e 83 hectáreas, respectivamente.