Monumentos e edificios de nove concellos galegos (Carnota, Compostela, A Coruña, Carballo, Ferrol, Fisterra, Lugo, Pontevedra e Vimianzo) iluminaranse de cor verde este venres pola noite en apoio da declaración do Monte Pindo coma Parque Natural. Unha reivindicación que este sábado celebrará o seu quinto aniversario.
Fálase
O Goberno aproba a adxudicación de seis novas canles TDT, entre elas unha ao Real Madrid e outra a 13 TV. Atresmedia e Mediaset tamén reciben novas licenzas, malia as críticas sobre o risco de "abuso de posición dominante".
A Asociación de Armadores do Cerco reparte en Santiago 8.000 quilos de peixe para protestar pola escasa cota da que dispón. Esta achega a persoas "necesitadas", din, busca amosar que esta cantidade de peixe é "a cota da que dispón un barco para sobrevivir todo o ano".
A xuntanza do Consello de Administración de Emafesa, a empresa mixta de xestión de augas de Ferrol, volveu poñer de manifesto o bloqueo exercido pola parte privada (Socamex-Urbaser) aos intentos de control por parte do Goberno municipal. O encontro rematou sen ningún acordo. O vindeiro mes as dúas partes volverán reunirse, xa cos resultados da auditoría encargada polo Concello.
O Goberno local da Coruña presentará a vindeira semana a súa proposta de Renda Social Municipal, da que se beneficiarán as persoas con ingresos inferiores a 532,51 euros mensuais e que non reciban outra prestación. O obxectivo é responder as solicitudes nun prazo inferior aos dous meses. Calcúlase que se necesitará unha partida de 3 millóns de euros nos orzamentos para facer fronte a esta renda.
Rajoy decidiu cargar os gastos de coidado de seu pai ao orzamento da Moncloa despois de pagar unha primeira factura mensual de 3.600 euros, segundo revela El Diario.es. O Goberno terá que responder sobre esta cuestión no Congreso, xa que o PSOE vén de rexistrar unha pregunta parlamentaria.
Madrid leva gastados 247 millóns en produtos financeiros tóxicos -seguros para cubrir riscos de crédito- contratados por Gallardón, segundo revela El Diario.
Os grupos parlamentarios presentaron cadansúas 40 propostas de resolución para o debate de política xeral, que continúa este venres. Pódelas descargar nas seguintes ligazóns:
Gaña peso a posibilidade dun goberno de esquerda en Portugal. As negociacións entre PS, PCP e Bloco continúan, centrándose xa nas liñas que deberan guiar os vindeiros Orzamentos do Estado. Está a contalo o xornal Público.
Un informe da Rede Europea de Loita contra a Pobreza (EAPN) revela que un 29,2% da poboación española está en risco de pobreza e exclusión social. En Galicia a proporción é máis reducida (23,8%). O documento alerta de que a taxa de pobreza entre os 16 e 29 anos supera o 36% e de que nos últimos anos se produciu un empobrecemento xeral da poboación