A esta hora BNG e Anova manteñen unha xuntanza para explorar a posibilidade de concorrer en coalición ás eleccións europeas. O Bloque, a través de Xavier Vence, subliñou antes do encontro que non pactará con forzas de ámbito estatal.
Fálase
Un grupo de expertos (integrado por fabricantes de gadgets, administración de aviación, aerolíneas, pilotos e fabricantes de aeronaves) vén de recomendar relaxar as normas de uso de dispositivos electrónicos nos avións. Se se aproba o seu informe, poderán usarse ebooks, móbiles e tabletas durante todas as fases dun voo.
A Xunta publica un comunicado conxunto dos "presidentes de Galicia". Albor, Laxe e Touriño amósanse dispostos a repetir a reunión de hoxe e a formular propostas concretas de "impacto transversal".
A Xunta difunde un vídeo coa chegada dos ex presidentes a Monte Pío e o seu pousado con Feijóo para a prensa gráfica. Non houbo lugar para preguntas dos medios de comunicación nin declaracións posteriores á xuntanza, que incluíu un xantar e durou unhas catro horas.
O debate de política xeral do Parlamento de Galicia celebrarase entre os días 15 e 17 deste mes. É o primeiro da novena lexislatura.
Berlusconi pídelles agora aos deputados do seu partido que voten a favor da continuidade de Letta. Cambia de estratexia ante unha previsible derrota, provocada polas numerosas desercións de representantes do PDL, que anunciaran a súa intención de apoiar o Goberno na moción de confianza proposta.
Marcus Fernández analiza no seu blog "un día vergoñento para El Correo Gallego", en referencia á ausencia de informacións neste xornal sobre a condena ao ex alcalde compostelán Gerardo Conde Roa. Unha nova que non figura na súa portada, ao contrario que outro fío sobre o caso Asunta: "Uno de los que halló el cadáver de Asunta iba “bolinga” perdido".
O Consello de Contas ratifica "falta de control" na Xunta por desprazar facturas de 2010 ao exercicio de 2011. O mesmo informe acredita unha inxección de 15 millóns de euros nos medios durante ese mesmo ano.
Organizacións feministas reclaman a retirada do anuncio co que a Academia de Publicidade "homenaxea" a RAE no seu terceiro centenario. Sinalan que a montaxe é "sexista e discriminatoria".
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia chama a "indignarnos e mobilizarnos ante as reformas neoliberais, ante o adelgazamento do Estado de Benestar e a hipertrofia do Estado Penal" no Día da Educación Social, que se celebra hoxe. En Twitter están a conmemorar a xornada co hashtag #edusoday