A Comisión de Comercio Internacional do Parlamento Europeo aprobou por unha ampla maioría o seu posicionamento sobre o TISA. O informe si incorpora algunha emendas críticas cos documentos previos, que buscan defender os servizos públicos e os consumidores europeos, pero as recomendacións da comisión manteñen o espírito desregulador, impedindo por exemplo a remunicipalización de servizos e abrindo as portas a novas privatizacións.
Fálase
Un xulgado de Valencia asina a primeira sentenza firme contra as hipotecas IRPH, pois non foi recorrida pola entidade financeira, destaca a Plataforma IRPH Stop Gipuzkoa. O texto subliña o carácter abusivo e influenciable do índice no que se basean estas hipotecas.
Continúa a investigación aberta na empresa pública Acuamed, dependente do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente. A Garda Civil rexistrou onte as súas sedes en Madrid, Valencia e Murcia e detivo a 13 persoas en relación cunha suposta fraude millonaria na adxudicación de obras e na falsificación de certificacións.
O Goberno local da Coruña e o PSOE inician a negociación dos orzamentos. Os socialistas deben enviar as súas propostas antes deste mércores
Continúa o conflito aberto na CEG tralas eleccións celebradas esta fin de semana nas que se impuxo Antonio Dieter Moure. José Manuel Pérez Canal pídelle á organización que confirme a validez do censo -sobre o que ten sospeitas- ou doutro xeito impugnará o resultado. Dieter Moure respóndelle que "hai que saber xestionar as derrotas"
Público entrevista a Yanis Varoufakis, que advirte de que "se Podemos entra no Goberno, farao baixo as mesmas condicións impostas pola Troika Syriza". O ex ministro grego insiste en que Tsipras cometeu un erro ao aceptar un terceiro rescate e explica a necesidade do movemento paneuropeo que promove para exercer presión en todos os países da UE
O PP obtería o 30,2% dos votos nunha hipotética repetición das eleccións, un punto máis que o 20D, segundo a enquisa de Celeste-Tel que publica El Diario. Podemos e as confluencias (22,1%) superarian en votos ao PSOE (21,9%), aínda que seguirían por detrás en escanos. Ciudadanos (12,6%) sería a forza que máis descendería.
ERC, IU e Bildu rexístranse como grupo parlamentario conxunto no Congreso. Trátase dun grupo técnico, non político, e busca incrementar os tempos de intervencións de IU e Bildu, así coma os recursos económicos dos que disporán.
Patrimonio abre expediente sancionador ao Concello de Ponteareas e á Comunidade de Montes de Ribadetea polo dano causado en 2013 ao Castro da Croa, nunha actuación que afectou a parte do parapeto defensivo e incluíu a retirada de xabre e terra con palas e outra maquinaria pesada dentro da área de protección integral. A denuncia partiu do Grupo Ecoloxista Adenco.
O 60% dos premios extraordinarios de grao, doutoramento e fin de carreira entregados pola Universidade de Vigo foron para mulleres. É unha tendencia que se vén mantendo nos últimos anos