Para cando a próxima botadura? Os traballadores do naval de Ferrol concentráronse na entrega do último barco para a armada australiana, e apuparon as autoridades presentes no acto ante o horizonte que se abre agora, sen novos encargos confirmados.
Fálase
+Vilaweb, a campaña de subscricións do xornal dixital catalán, fai hoxe un ano con 1.800 asinantes, e lanza unha nova campaña para recoller apoios. Para participar nesta comunidade de lectores, que se reúne anualmente, pódense facer achegas de entre 60 e 500 euros ao ano. A a partir de agora de 15 euros ao ano, para os menores de 25 anos.
Catro mossos ingresarán en prisión por torturas por vez primeira. Están acusados de causar lesións a un cidadán rumano que detiveron por erro en 2006, e dun trato "cruel en exceso, brutal e salvaxe". Os policías están condenados a dous anos de cadea.
Hoxe fan 50 anos da independencia de Alxeria. Le Monde preparou un especial interactivo para informar da efeméride.
A Comisión creada no Parlamento xaponés para investigar a catástrofe da central nuclear de Fukushima finaliza o seu informe, no que afirma que o accidente se debeu a numerosos erros humanos, de acción e supervisión, por parte da empresa Tepco e do Goberno.
Espérase que hoxe o BCE baixe os tipos de interese un cuarto de punto ou medio punto. Na actualidade o tipo na zona euro está no 1%, o nivel máis baixo da súa historia; en EE UU están en 0,25%, Japón tenos ao 0% e o Reino Unido ao 0,5%.
A Fiscalía pide a nulidade dos contratos das participacións preferentes e que se lles devolvan os cartos a todos os afectados. Na demanda que o fiscal xeral de Galicia presentou este martes contra Novagalicia Banco pídense medidas cautelares para garantir que se poderá realizar o pago e para iso solicítase que o banco deposite 1.108 millones de euros.
O Goberno central prepara un endurecemento no acceso ás prestacións da Lei de Dependencia. Adiántao a Cadena SER.
A edición de libros en galego caeu un 10% en 2011. A edición en catalán diminuíu un 6,7%, mentres en euskera creceu un 1,4% e en castelán un 3,5%. As editoriais galegas, no entanto, produciron un 1% máis exemplares ca no ano anterior
O X Congreso Internacional de Estudos Galegos, que se celebrará en Cardiff entre o 12 e o 14 de setembro, presentose hoxe no Consello da Cultura. No congreso, titulado Galiza alén do Arco Atlántico. Unha visión multidisciplinar dos estudos galegos, participarán 125 relatores.