O prezo dos alimentos subiu en Galicia máis dun 8% en media década. Cóntao Faro de Vigo
Fálase
Os alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol expresan o seu apoio á aposta de sete forzas políticas por confluíren en torno ao Encontro Cidadán por unha Marea Galega. Son declaracións de Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez a Europa Press.
O Concello de Pontevedra, convidado a participar no cumio mundial do clima de París. Pontevedra Viva recolle detalles deste convite, formalizado a través dunha carta da alcaldesa de París, Anne Hidalgo, e do representante da ONU para as cidades e o cambio climático, Michael Bloomberg, recibida polo rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores.
Familia, amizades e compañeiros do xornalista Nacho Mirás despídeno cun emotivo acto de música e palabra en Santiago. Recólleo La Voz de Galicia, xornal no que desenvolveu a súa traxectoria profesional.
O BOE publica hoxe a reforma do Tribunal Constitucional promovida polo PP en solitario, que entra en vigor hoxe mesmo. A modificación, concibida para poder sancionar o president catalán, permite executar sancións sen sequera escoitar previamente as partes afectadas.
Barcelona en Comú promoverá unha candidatura para as xerais na que non desbota a participación de Podemos, pero con grupo parlamentario propio. Cóntao Catalunya Plural
Pedro Sánchez expresa a súa esperanza de que Besteiro sexa candidato á Xunta. Nunha entrevista en eldiario.es o líder do PSOE destaca que o secretario xeral do PSdeG foi imputado por unha decisión urbanística "de hai 10 anos" e que "xa presentou toda a documentación". Aquí, a entrevista íntegra.
O Ministerio de Educación prepara un título de 'banderillero' para ofertalle a alumnado que non remate a ESO, segundo avanza El Periódico de Catalunya
A Comisión de Listas do PSOE aproba as cabezas de lista do PSdeG para as xerais mudando a de Ourense, posto que inicialmente ía ser para a xa deputada Laura Seara. A proposta, sinalan os socialistas, é que as candidaturas estean encabezadas por Pilar Cancela (A Coruña), Margarita Pérez Herráiz (Lugo), Dolores Galovart (Pontevedra) e Rocío de Frutos (Ourense). O Comité Federal deste sábado, ao que asiste Besteiro, terá que ratificar a proposta.
O Concello da Coruña informa da chegada da primeira familia refuxiada que se inclúe no proceso para ser "Cidade Refuxio".