Os datos da EPA coñecidos onte revelan que a situación da comarca de Ferrol segue empeorando, cos peores inidicadores de desemprego e actividade de toda Galicia. A taxa de paro sitúase no 31,9%, dez puntos por riba da media do conxunto de Galicia, e só tres de cada dez persoas figuran como "ocupadas", sete puntos menos que hai un ano e a quince puntos da seguinte cidade galega con menor taxa de ocupación, Vigo.
Fálase
O PSdeG expulsa o edil socialista que apoiou a moción de censura da Mezquita, que se debaterá o vindeiro 3 de febreiro. O alcalde, Rafael Pérez (BNG) confía en que se anule o voto do tránsfuga, o que detería a moción.
A Universidade de Vigo celebrará eleccións o 1 de abril. O reitor Salustiano Mato buscará repetir a vitoria obtida hai catro anos e, de momento, ningún outro candidato confirmou a súa disposición a presentarse.
Máis de mil mulleres do mundo da cultura asinan un manifesto contra a reforma do aborto. O documento, apoiado por Maribel Verdú, Pepa Bueno, Elvira Lindo, Almudena Grandes, Iciar Bollain ou Aitana Sánchez Gijón, cualifica a nova lei como "unha ameaza para a dignidade das mulleres".
"Nós non desenvolvemos este medicamento para os indios, desenvolvémolo para os pacientes occidentais que poden pagalo". As palabras do conselleiro delegado de Bayer, Marijn Dekkers, nunha entrevista na que rexeita os proxectos da India para producir xenérico asequibles para a súa poboación están a xerar unha gran polémica e xa foron denunciadas por Médicos Sen Fronteiras.
O ministro do Interior asegura que Santa Teresa de Jesús, falecida en 1582, "intercede para España" nestes "tempos recios". Afirmouno nun discurso na feira Fitur que recolle El Diario
Miguel Anxo Murado escribe para The New York Times sobre a perda de apoios do rei Juan Carlos e as posibilidades dun cambio na xefatura do Estado. Sinala que o monarca se nega a abdicar e que "quere ser o rei que foi", pero engade que "ese non é o problema. É o mesmo rei que sempre foi. É España a que mudou"
A liberalización do prezo da bombona de butano, na axenda do Ministerio de Industria para o primeiro semestre deste ano, podería elevar o seu prezo dos 17,5 euros actuais até os 25 euros, segundo El Confidencial. O prezo das bombonas creceu tres euros nos últimos tres anos.
Un estudo da Universidade de Princeton prevé que Facebook perda o 80% dos seus usuarios nos vindeiros tres anos; a proxección empregou un modelo predictivo usado para a análise de enfermidades infecciosas. As que xa están a perder seguidores son as plataformas sociais locais europeas, como por exemplo Tuenti, que caeu un 58% nos últimos seis meses, segundo GlobalWebIndex
O goberno municipal de Pontevedra é xulgado hoxe por abonarlle ao seu persoal a paga extra de decembro de 2012 tras unha denuncia do Goberno central. Cóntao Pontevedra Viva, que tamén recolle que o PP da cidade di agardar que o Estado perda o xuízo fronte ao Concello, que dirixe o BNG-