Núñez Feijoo remata como comezou, pedíndolles "colaboración" aos grupos da oposición e "respecto" ao Parlamento e "a todos os galegos" e critica a falta de apoio recibido na pasada lexislatura. E pecha a súa intervención repetindo que se sente "militante de Galicia"
Fálase
Feijoo pide o apoio das forzas da oposición para que Galicia teña unha "posición unánime" no debate sobre a reforma do financiamento autonómico, que pide desligar de reivindicacións identitarias. O candidato pide converter España "nunha auténtica comunidade de autonomías" e propón que a Conferencia de Presidentes Autonómicos se convoque de forma habitual e non como algo simbólico
O candidato popular promete que os traballadores e traballadoras públicas recuperarán ao longo desta lexislatura "o nivel salarial perdido durante a crise"
O candidato popular promete que no ano 2020 as rías galegas estarán "totalmente saneadas", a declaración da Ribeira Sacra como "Reserva da Biosfera" e avanzar no obxectivo de que "as necesidades enerxéticas do futuro sexan cubertas integramente con enerxías renovables", aínda que sen concretar medidas nin instrumentos para conseguilo
No capítulo de infraestruturas, promete rematar nesta lexislatura a Autovía do Morrazo, a conexión da Vía Ártabra coa AP9 e a autovía Santiago-A Estrada. Ademais, anuncia a reforma da Lei de Ordenación do Territorio.
Feijoo anuncia "impostos cero" para os mozos e mozas, familias numerosas e persoas con discapacidade que adquiran unha vivenda habitual nun concello de menos de 20.000 habitantes
O candidato popular debuxa un escenario moi optimista sobre a situación do sector primario, tanto no sector forestal, no vitivinícola, no marisqueiro e mesmo no leiteiro, salientando a fusión das cooperativas ou o proxecto de planta transformadora de Curtis.
Núñez Feijoo anuncia a súa intención de estender os centros plurilingües á educación infantil de 3 a 6 anos e un maior fomento do ensino do inglés e do portugués
Feijoo promete baixadas de impostos nesta lexislatura. Ademais, sitúa como obxectivos un emprego de máis calidade -a través dunha nova Lei de Emprego-, o impulso do sector primario e a protección dos servizos públicos "para facer de Galicia un lugar atractivo para nacer e para vivir". Promete crear entre 80.000 e 100000 novos empregos, reducindo a taxa de paro ata situala "por debaixo dos dous díxitos".
Feijoo pídelles ás forzas da oposición "traballar xuntos" e chegar a "pactos", destacando que "a maioría absoluta dálle a Galicia unha forza indiscutible en todos os debates que están a piques de abrirse en España", comezando polo financiamento autonómico