O mozo do que nun principio se sospeitou que estaba infectado polo ébola seguirá illado no Meixoeiro á espera de que unha segunda analítica confirme o resultado negativo para esta enfermidade. Espérase que os datos cheguen o venres.
Fálase
O Parlamento Europeo aproba reclamar que os fondos da UE non poidan financiar touradas. Cóntao eldiario.es
Compromiso por Galicia convida a unha "xuntanza pública e aberta" a Iniciativa pola Unión, Marea.gal e mais ao BNG, Anova, Podemos, Equo e EU para procurar "un acordo que cristalice nunha verdadeira candidatura de unidade". O secretario xeral do partido, Xoán Bascuas, dirixiuse por carta ás plataformas e formacións. Pódese descargar nesta ligazón.
As Novas Xeracións do PP acusan a Galiza Nova de organizar un concerto "dun grupo proetarra" en Pontevedra. O concerto era do grupo Poetarras, tamén coñecidos no eido das webseries, e que agora ironiza coa posibilidade de compoñer unha canción sobre a acusación dos populares.
PSdeG e BNG publican o seu pacto de goberno na Deputación de Lugo e destacan non ter "nada que agochar". Durante a presentación o voceiro socialista, Álvaro Santos, amosou a súa esperanza en que Manuel Martínez "recapacite" na súa decisión de absterse ou votar en contra de todas as mocións do Bloque, que defende que non entre no goberno por non ter "confianza política" nel.
O Ministerio de Defensa constitúe o Grupo de Obtención por Sistemas Aéreos (GROSA), que se encargará do desenvolvemento dos drones Searcher do Exército de Terra, que realizan as súas probas no aeródromo de Rozas.
O BNG reclama que se abra ao público o Castelo de Maside, en Pantón (tamén coñecido como Castelo de Ferreira). O edificio ten categoría de Ben de Interese Cultural (BIC), o que obriga os seus propietarios -segundo a Lei do Patrimonio- a permitir visitas gratuítas catro días ao mes, algo ao que os donos se negan.
Xa se coñecen as empresas finalistas da I edición dos Premios Clúster TIC Galicia, que se entregarán este xoves na Cidade da Cultura no marco da LibreCon 2015. Presentáronse un total de 34 candidaturas nas cinco categorías dos galardóns: Innovación, Internacionalización, Liderado TIC, Startup e Software Libre
A Xunta confirma a activación do protocolo por un posible caso de ébola na Coruña e indica que terá os resultados das probas "nas próximas horas". O Sergas informará ao respecto ás 11 en rolda de prensa en Vigo.
Manuel Martínez sumou o seu voto aos do PP no pleno da Deputación de Lugo para botar abaixo unha moción do BNG contra as touradas. O alcalde de Becerreá, excluído da Xunta de Goberno por estar imputado, anuncia que se absterá nas propostas do Bloque "de interese para a provincia" e que votará en contra no resto.