Hoxe, mañá e o domingo poderá verse dende Galicia a simple vista a Estación Espacial Internacional (ISS), segundo Amazngs.es. Será só durante uns minutos, pois a condición é que ten que ser noite na superficie, pero aínda día na órbita do satélite.
Fálase
Os directivos dos bancos rescatados con cartos públicos poderán cobrar 500.000 euros (até agora o límite era de 600 mil). No caso das entidades nacionalizadas, nas que o FROB ten a participación maioritaria, o límite seguirá sendo de 300.000.
A intervención (virtual) de Sánchez Gordillo no festival Rototom de Benicàssim colapsa o foro social deste festival de reggae, que tamén contou coa participación de Zygmunt Bauman. O alcalde de Marinaleda non puido desprazarse ao evento, como estaba previsto, e tivo que realizar a súa charla por videoconferencia.
Olga Rodríguez analiza en Eldiario.es o conflito sirio e explica que Siria leva meses intervida por actores rexionais e internacionais. Rodríguez fala da axuda de Francia, EE.UU., Reino Unido, Turquía e Qatar aos rebeldes e do apoio militar e diplomático de Rusia e Irán ao goberno de Assad
Navarra manterá a atención sanitaria ás persoas migrantes en situación irregular, que o vindeiro 1 de septiembre quedarán excluidas do Sistema Nacional de Saúde no resto do Estado. O Goberno Foral garantirá este dereito para os inmigrantes que acrediten un ano de residencia na comunidade e farao a través da actualización dun decreto de 1996.
A Audiencia Nacional obriga o El Corte Inglés a informar a Facenda sobre os gastos dos seus mellores clientes, aqueles que desembolsaron máis de 30 mil euros cada ano. Até o de agora a cadea negárase a revelar os datos sobre os usuarios da súa tarxeta de pagamento.
A exposición estrela da Cidade da Cultura, Gallaecia Petrea, cun custe de 1,5 millóns de euros, tivo ao longo deste verán unha media de só 375 visitantes diarios.
Os e as estudantes chilenas convocan hoxe unha folga en todo o país, que incluirá 14 manifestacións simultáneas en Santiago de Chile. Esixen a redución dos elevados custes das carreiras universitarias e que o sistema educativo básico sexa administrado polo Estado e non polos municipios
As enerxías renovables aforran a Europa máis cartos do que reciben en primas e subvencións, salienta eldiario.es. De 1998 a 2008 achegaron un aforro de 8000 millóns de euros anuais.
Mercadona quere limpar a súa imaxe en Internet, despois das varias informacións negativas publicadas a pasada semana (a retirada de cosméticos e a suba anticipada do IVE), e para iso está formando os seus empregados do departamento de comunicación en estratexias das redes sociais.