Fálase
A metade dos españois non seguiu por ningún medio o debate sobre o estado da nación desta semana, e entre quen si o fixeron, un de cada dous afirma que foi "pouco ou nada interesante", segundo o CIS. O 36% di que nin Rajoy nin Rubalcaba se poden considerar "gañadores".
Ao redor de dous mil profesionais da sanidade asinan un manifiesto contra a reforma da lei do aborto, que será remitido ao Ministerio de Xustiza. Un dos asinantes do texto sinala que restrinxir o dereito á interrupción do embarazo supón tratar as mulleres de "inmaduras" e "estigmatizar o aborto, que é unha práctica absolutamente normalizada"
O PP de Santiago négase a debater sobre a Pokémon e reduce as revelacións do sumario a "chismes". No pleno municipal a voceira do Concello e o alcalde acabaron pedíndolle explicacións ao voceiro do BNG, Rubén Cela, pola súa xestión no Goberno bipartito da Xunta.
Unha asociación de gardas civís anuncia que denunciará a comisaria europea de Interior por vincular o Instituto Armado á morte de persoas migrantes en Ceuta. A Unión de Gardas Civís aproveita tamén para saír na defensa do director do Instituto Armado, Arsenio Fernández de Mesa. En El Diario
O colectivo montenoso organiza este sábado no MARCO de Vigo o Encontro Comúns Situados, que busca difundir "os coñecementos locais sobre os comúns".
Amnistía Internacional denuncia a "política de gatillo fácil contra civís palestinos en Cisxordania" por parte das forzas de seguridade israelís, que nos últimos tres anos mataron ducias de persoas desarmadas, menores incluídos, segundo un informe feito público este xoves.
O artista Eugenio Merino é xulgado hoxe pola denuncia da Fundación Francisco Franco, centrada en enxalzar a figura do ditador. Merino elaborou unha escultura paródica sobre Franco. A revista Mongolia está a retransmitir o xuízo a través de Twitter.
O alcalde de Sarria ataca as persoas contrarias ás obras no río da localidade, "que se cren intelectuais", e anuncia unha campaña "informativa" entre a veciñanza sobre o proxecto, "que se executará".
A veciñanza do barrio compostelán de Galeras, que rexeita a construción dun acceso a un parking privado por riba dun parque público, levou onte as súas reivindicacións ao pleno do Concello e hoxe vaillas trasladar ao Valedor do Pobo.