José Luis Méndez seguirá sendo fillo predilecto do Concello da Coruña. O Goberno municipal nin sequera admitiu que se debatese no pleno a moción presentada polo BNG que solicitaba a retirada da distinción, por mor da súa xestión á fronte de Caixa Galicia e de escándalos coma o das participacións preferentes ou o cobro dunha indemnización de 16,5 millóns de euros pola súa xubilación.
Fálase
Ás oito da tarde comeza en Ferrol unha asemblea cidadá convocada polo Comité Cidadá de Emerxencia para analizar a sentenza do Tribunal Supremo contra a planta de gas de Reganosa e aprobar accións de protesta. Tamén se organizará a marcha a pé que o 20 de xullo unirá Ferrol e Mugardos para reivindicar o traslado da planta a outra localización.
As sociedades de dereitos de autor coma a SGAE están "esgotadas", segundo Lawrence Lessig, profesor de Harvard e creador do Creative Commons. Lessig asegurou esta mañá en Barcelona que "estas sociedades foron unha maneira moi eficaz de protexer os autores dende o século, pero hai que probar outros modelos para ver cal é o que funciona"
O Concello de Vigo confirma que á súa primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, "se lle detectou nas últimas horas un problema de saúde cuxa gravidade está aínda por determinar" que "a manterá de baixa durante un tempo"
O ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, avanza a inminente suba do IVE. Nun curso de verán da Universidade Complutense salienta que a taxa que se paga en España está por debaixo da doutros países europeos e asegurou que "estamos nun tránsito cara a unha fiscalidade menor para o traballo e maior no ámbito indirecto".
ETA acusa o Goberno de "paralizar e obstaculizar" o proceso de paz e critica en concreto a política de presos e reinserción, nun comunicado remitido a Gara e Naiz.info. A organización terrorista tamén censura as actitudes de PSOE e PNV, ao tempo que asegura que está "redobrando esforzos para abrir vías de diálogo"
A Mocidade Nacionalista Galega (MNG) lanza un concurso de cartaces para unha campaña de afiliacións que comezará en breve. Pódense enviar as propostas até o 29 de xullo.
A prima de risco supera os 570 puntos no inicio da mañá e os xuros dos bonos españois están por riba do perigoso 7%.
Un informe sobre competitividade global do Foro Económico Mundial asegura que a calidade do ensino de ciencias e matemáticas en España está no posto 111 do mundo, unhas posicións por detrás de Uganda (101). O informe valora positivamente a universalidade do acceso ao ensino medio e superior, pero moi negativamente a súa calidade.
Éxito de Carmina o Revienta, o filme de Paco León, na súa aposta por explorar novas vías de distribución para o cinema. A película, que se estreou á vez en salas, en DVD e en Internet tivo 30 mil espectadores na rede e vendeu máis de 10 mil DVDs.