A confusión e a ambigüidade están marcando a rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros. Non queda claro se a "desindexación do IPC" afectará ás pensións ou se haberá aumento dos impostos especiais coma os medioambientais ou os que afectan a tabaco e alcol. Saenz de Santamaria, De Guindos e Montoro tampouco responden con claridade ás preguntas dos xornalistas. Na rede comeza a estenderse o titular de que "haberá que agardar ao BOE de mañá para sabelo".
Fálase
O IPC deixará de ser a referencia para actualizar pensións e soldos públicos co obxectivo de "mellorar a competitividade española". É unha das oito reformas aprobadas polo Consello de Ministros. Entre elas tamén se atopan "facilidades e apoio aos emprendedores" e unha nova regulación do colexios profesionais encamiñada á liberalización de certos sectores.
O Goberno adía ao 2106 a redución do déficit público até o 3% esixido pola UE. Nese ano 2016 a taxa de paro manteríase ao redor do 25%. A débeda pública non deixará de crecer até o 2016, no que chegará ao 99,8%
A deputada do BNG Carme Adán afirma en Vigo que Feijóo "ten que deixar de ser espectador e garantir a galeguidade, a viabilidade de Pescanova e o mantemento dos empregos”. “Ata agora vin a Feijoo mudo, pese a gravidade da situción”, denunciou.
Islandia condena a Visa por bloquear pagos a Wikileaks. A empresa deberá pagar 150.000 euros mensuais se continúa obstaculizando as doazóns a este medio de comunicación
O PSOE propón que a lei de partidos obrigue a todos a celebrar primarias. Ramón Jáuregui anuncia que proporán esta reforma lexislativa.
- O Valedor do Pobo enmarca os escraches na "liberdade de expresión". Toda a información, hoxe en Praza.
- O 2012 foi o ano con máis queixas na historia do Valedor do Pobo, con 2.782. Toda a información sobre o informe anual, que se presenta a esta hora, hoxe en Praza.
O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo (PP), expulsa dous veciños do pleno municipal por gravar a sesión. Cóntao La Opinión de A Coruña, que tamén reflicte que o rexedor permitiu rexistrar puntualmente o debate ata que sospeitou que se trataba de "militantes do BNG".
Este xoves realizáronse peches en centros de ensino de toda España. Por exemplo, no IES Auga da Laxe de Gondomar, no que participou profesorado, alumnado, pais e nais.