De Santo Andrés de Teixido ás Rías Baixas, do Mirador do Ézaro á Vía Künig lucense, de San Cibrao de Las a Ribadavia. Das luces de Vigo á Torre de Hércules ou as Meninas de Ferrol. Estes días celébrase en Madrid FITUR, a feira turística máis importante do Estado, fundamental para a atracción de visitantes para este ano que vén de comezar. Tanto a Xunta, como as deputacións provinciais como un gran número de concellos galegos están a presentar alí as súas campañas, moitas veces acompañadas de vídeos que amosan as belezas dos distintos recunchos do país.
Por exemplo, a Deputación da Coruña centrou a súa actividade na promoción do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal e na difusión do Gran Fondo Ézaro, un evento cicloturista que reúne todos os anos uns 1.500 participantes nos concellos de Cee, Muxía, Carnota, Muros e Mazaricos.
En Fitur mestúranse as presentacións de grandes cidades como A Coruña, que fixo fincapé no décimo aniversario da declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade, coas accións de localidades máis pequenas, como Mazaricos, que promocionou a senda paisaxística e ornitolóxica existente neste concello.
De igual xeito, a Deputación lucense reivindica que en Lugo "hai moito que celebrar", subliñando as moitas festas existentes na provincia, ligadas moitas veces a elementos patrimoniais e históricos. E con Fame de experiencias, a Deputación de Pontevedra fixo fincapé na potencialidade gastronómica deste territorio, tanto as producións con denominación de orixe, os restaurantes con estrelas Michelín, os eventos gastronómicos ou a propia Ruta do Viño nas Rías Baixas.