A Festa da Carballeira volve a Zas "con máis forza ca nunca" despois de dous anos sen foliadas pola pandemia

Foto de arquivo da XXXVI Festa da Carballeira de Zas © Festa da Carballeira

A Asociación Cultural Castro-Meda recupera a Festa da Carballeira de Zas despois de dous anos sen celebracións pola pandemia. Todo preparado para a fin de semana do 12 e o 13 de agosto

Aos pés do monte Castro volverá este ano a Festa da Carballeira de Zas tras dous anos sen celebracións pola pandemia da COVID. “Con máis forza e ganas que nunca” van festexar a 37º edición deste encontro declarado Festa de Interese Turístico Galego no ano 2020. Como é tradición, haberá música e moito máis, cunha ampla oferta gastronómica, mexilloada de balde para todos os asistentes, e unha gran zona infantil con xogos tradicionais.

Ademais, a festa que se presentou este martes na Coruña non deixa atrás o seu espírito solidario e parte da recadación da venda de bonos online irá a parar a unha asociación sen ánimo de lucro. Este ano a entidade elixida foi ASPABER, a Asociación de pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños.

Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, nunha imaxe promocional do disco 'As catedrais silenciadas' © Xabier Díaz

Unha das principais novidades será o cambio de data, pois a Festa da Carballeira pasa de celebrarse na primeira fin de semana de agosto á segunda. O venres, día 12, a partir das 22 horas, os asistentes poderán gozar de “grupos 100% galegos” da man d'A banda da loba, Heredeiros da Crus e Mileth.

O sábado 13 comezará a celebración comezará cedo e desde as 12 da mañá Paco Nogueiras asegura diversión para os máis pequenos co seu “xornal musical”, que dará paso a sesión vermú con Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. “Faime moita ilusión formar parte dun festival do que durante moitos anos fun escoitante, non minto se digo 20 edicións, e agora tocarei na sesión vermú, nun horario moi familiar”, destacou o músico Xabier Díaz na presentación.

O sábado a festa continuará ata a noite con Os Farrapos, a tradicional foliada e Arredores. A partir das 22 horas no Velar de Zas actuarán Deira, Xisco Feijoó co seu novo disco 'Peixe', Rura e Sondarúa

A Asociación Cultural Castro-Meda e boa parte da veciñanza fan posible esta festa que un ano máis conta co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Zas, así como co patrocinio do Xacobeo, Estrella Galicia, GADIS e vermú Lodeiros. 

As entradas xa están á venda

“A actividade cultural está resistindo, e nos desde a Deputación de Coruña estamos ahí para apoiar. Temos un fin que é sempre potenciar a actividade cultural”, asegurou o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, este martes no acto na Cervexería Estrella Galicia.

As entradas xa están á venda e pódese facer a compra anticipada cun custo de 15€ + gastos de xestión o bono para os dous días e 8€ + gastos de xestión para o bono de día individual. Na taquilla o prezo será de 12€ a entrada para un só día e custará 20€ bono para ambos días.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.