Chega ao galego Wordle, un xogo para adiviñar palabras en aberto na rede

Captura do xogo Wordle na súa versión en galego creada por Abraham Martínez Gracia CC-BY-NC-SA Abraham Martínez Gracia

O Wordle é un sinxelo xogo para descrifrar unha palabra de cinco letras ao día na internet. En poucas semanas logrou converterse nun éxito de participación na súa versión orixinal en inglés

O espírito de compartir sen ánimo de lucro dos primeiros tempos da internet sobrevive en accións individuais como a de Josh Wardle, un enxeñeiro de software informático en Brooklyn (Nova York), que no mes de outubro subíu á rede un xogo para adiviñar palabras de cinco letras que deseñara para xogar coa súa parella. 

Facendo tamén un xogo de palabras co seu apelido deulle nome ao Wordle, ao que xa xogan máis de 300.000 persoas de todo o mundo en inglés. O enxeñeiro informático colombiano Daniel Rodríguez deu o paso para crear unha versión en castelán e agora o galego Abraham Martínez Gracia vén de adaptalo ao galego

Desenvolvido polo enxeñeiro informático Josh Wardle, o Wordle xa ten versión en castelán e agora tamén en galego 

É un xogo de acceso libre, para o que non hai que rexistrarse, e sen anuncios. Cada 24 horas hai unha palabra nova de 5 letras para descrifrar. A dinámica do xogo lembra á do Mastermind polo código de cores que emprega para sinalar se unha letra aparece ou non na palabra a descubrir nesa data, ou se está na posición correcta. 

Wardle creo o xogo "só por diversión", como conta neste artigo de The New York Times. Pasou meses xogando coa súa parella antes de que o xogo se convertira na principal atracción do seu grupo de WhatsApp coa familia. Por iso, pensou en compartilo con máis xente poñéndoo en aberto na internet. Co que non contou foi co éxito dunha experiencia tan simple como adiviñar unha palabra ao día. Porque unha vez que a tes, o xogo non te permite facer nada máis ata que pasen as horas precisas. 

Daniel Rodríguez lanzou a versión do Wordle en castelán no día de Reis, o 6 de xaneiro, e xa ten programadas 500 palabras para o xogo, como conta en Xataca. Xa está a traballar en axustes para que as persoas con daltonismo poidan escoller unha opción que lles permita recoñecer as cores empregadas e mellorar así a accesibilidade.

Wordle pasou en apenas tres meses de ser unha idea pasar o tempo durante a pandemia a que centos de persoas compartan os seus resultados en Twitter empregando o cancelo #Wordle. Segundo os datos de Daniel Rodríguez, o domingo 9 de xaneiro 52.000 persoas xogaron ao Wordle en castelán. A versión en galego está dispoñible desde este martes.

Resultados dunha partida de Wordle en galego CC-BY-NC-SA Abraham Martínez Gracia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.