Manuel e María del Carmen son os nomes máis común entre os galegos e galegas. Segundo os últimos datos do INE, actualizados a 1 de xaneiro de 2011, no país hai 85.157 homes chamados Manuel e 68.702 que levan o nome de José, mentres que nas mulleres, 64.338 chámanse María del Carmen e 48.315, María a secas. Aínda hoxe en día seguen sendo as denominacións máis tradicionais e castelás as elixidas maioritariamente na comunidade, malia que a tendencia vai cambiando. En 2010, Noa, Uxía ou Brais situáronse entre os dez nomes máis elixidos polas familias galegas, pero Hugo, Mateo, Sara e Lucía son os favoritos.
Os datos refírense aos nomes máis frecuentes entre todos os residentes na comunidade autónoma, onde predominan os máis tradicionais, vinculados sobre todo á poboación máis adulta. Xa que logo, e entre os homes, os José e Manuel ou o combinado José Manuel foi o nome máis elixido desde a década dos anos 30 e até os 80, momento no que cambia a tendencia e David, xunto con Iván, pasa a ser a denominación máis usual para os cativos.
En canto ás mulleres, María e Carmen son os nomes máis repetidos para as rapazas nadas entre as décadas dos 30 e dos 50, momento a partir do cal o nome composto con ambos, María del Carmen, colle vantaxe, acompañado de María a secas, ademais de María José. Sucede así até a década dos 80, época na que Cristina tamén é moi habitual. A partir dos 90, nomes máis modernos aparecen en Galicia, como Andrea, Alba ou Laura, que son os máis cotiás en tres das provincias.
María, Carmen e María del Carmen son os nomes máis elixidos para as rapazas desde os anos 30 até os 80
A partir de 2000, e durante esa década, Lucía, Laura, María, Paula e Sara convértense nas denominacións máis usadas entre as cativas nadas no país. No entanto, na última década, os nomes elixidos polas familias galegas, malia todo, son bastante comúns no conxunto do Estado e habitualmente casteláns ou idénticos á súa versión en español, o que contrasta co ocorrido noutras comunidades autónomas con lingua propia, como Euskadi, Catalunya ou as Illes Balears.
Así, na última década, en Catalunya os nomes máis habituais para os seus rapaces son Marc, Pau ou Alex, mentres que en Euskadi decántanse por Iker, Unai ou Jon. No caso das pequenas, na comunidade catalá as denominacions máis elixidas son Julia, Maria, Paula ou Laia, en tanto que no País Vasco, son maioritarias as Uxue, Ane, Irati ou Leia.
En Catalunya ou Euskadi, os nomes na lingua propia son maioritarios
En canto aos últimos datos rexistrados, os dos nacidos en 2010, Galicia conta con algúns dos nomes máis orixinais no conxunto do Estado, especialmente entre as mulleres, ao decantárense as familias por Sara, Lucía, Noa, Daniela, Paula, Carla, Alba, Laura, Sofía e Uxía como os dez máis elixidos. En canto aos rapaces, Hugo foi o máis escollido, seguido de Mateo, Pablo, Martín, Daniel, Diego, Adrián, Brais, Lucas e Alejandro.
A porcentaxe de nomes en lingua propia comparado con outras comunidades con idioma de seu segue a ser baixa. No País Vasco, 19 dos vinte nomes máis escollidos polas familias en 2010 son en euskera (Markel, Iker, Jon, Unai, Oier, Ander, Iker, Aimar, Unax e Eneko en canto aos homes, e Ane, June, Irati, Uxue, Nahia, Nora, Izaro, Naia, Maialen e Lucía polas rapazas). En Catalunya, a situación é semellante. Marc, Alex, Pol ou Pau son os preferidos para os cativos, mentres que Martina, Julia, Paula ou Laia son os escollidos para as nenas.