As temperaturas chegarán na cidade de Ourense aos 37 graos o sábado e aos 39 o domingo. Pontevedra acadará os 36 graos o sábado e Vigo os 35 graos
Chega a calor. Dende este venres os termómetros subirán a niveis elevados en toda Galicia, despois dun inicio de verán no que as temperaturas se mantiveran en niveis moderados. As altas presións deixarán un tempo seco e solleiro en todo o país, acadando máximas por riba dos 35 graos na práctica totalidade da provincia de Ourense e a maior parte da de Pontevedra. Os valores elevados manteranse o sábado e o domingo e, con lixeiros cambios, o luns.
A previsión de Meteogalicia indica que as temperaturas chegarán na cidade de Ourense aos 37 graos o sábado e aos 39 o domingo. En Pontevedra e Vigo xa este venres se acadarán os 35 e os 34 graos este venres e os 36 e os 35 graos o sábado, para refrescar algo o domingo. Nestas dúas cidades tamén as temperaturas mínimas superarán os 20 graos, dando lugar ao que se denomina como "noites tropicais".
Por este motivo, a Xunta sinalou o nivel máximo de alerta por episodio de calor en 48 concellos. Dúas zonas de aviso atópanse en situación de alerta por episodio de calor nivel 3 (máximo nivel) e catro zonas de aviso en nivel 1
A excepción estará na Mariña lucense, con máximas que en Ribadeo non pasarán dos 21 graos este venres, 22 o sábado e os 24 o domingo
No norte de Galicia tamén as temperaturas subirán notablemente a partir deste venres, con 31 graos en Compostela, 28 en Ferrol, 27 en Lugo e 26 na Coruña. O sábado a máxima en Compostela será de 33 graos, acadando os 30 en Ferrol e Lugo e os 28 na cidade herculina, mantendo o domingo niveis semellantes. A excepción estará na Mariña lucense, con máximas que en Ribadeo non pasarán dos 21 graos este venres, 22 o sábado e os 24 o domingo.
MeteoGalicia informa de que nos vindeiros días continuaremos baixo a influencia das altas presións estacionarias ao norte da Península. Esta situación favorece a entrada de aire moi cálido africano. Agárdase así un episodio de calor, especialmente ao oeste da provincia de Pontevedra, unha situación que se estenderá este sábado ao oeste e suroeste da provincia da Coruña. O domingo, a posible formación de brétemas costeiras nas Rías Baixas reducirá a intensidade do episodio de calor nesta zona.
Haberá aviso de nivel amarelo por calor este venres e sábado en varias comarcas e mesmo de nivel laranxa no val do Miño, en Valdeooras e no Baixo Miño
Haberá aviso de nivel laranxa por calor este sábado de 15 a 21 horas no val do Miño en Ourense, na comarca de Valdeorras, no Baixo Miño pontevedrés. Ademais, haberá aviso de nivel amarelo en todo o litoral de Pontevedra provincia, o sur de Ourense e mais no Sudoeste e o Interior da Coruña. O domingo o aviso será laranxa no Val do Miño ourensán e Valdeorras e amarelo no sur de Ourense
A Xunta sinalou o nivel máximo de alerta por episodio de calor en 48 concellos
A Xunta, a través do seu Comité de Plan de Calor, e no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles
efectos das altas temperaturas sobre a saúde, declarou este venres a situación de alerta por episodio de calor nivel 3 (máximo) en 48 concellos galegos, todos eles da provincia de Pontevedra. Os concellos afectados son Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Pontevedra, Portas, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
E, ademais, tamén se declara a situación de alerta por episodio de calor nivel 1 noutras áreas que abranguen 90 concellos. Nesta situación está practicamente toda a provincia da Coruña, a comarca de Valdeorras e o Baixo Miño
A Consellaría de Sanidade recomenda beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, recomenda comer verduras e froitas e evitar as comidas copiosas.