Vimianzo prepárase para volver asaltar o seu castelo a golpe de música e troula. Hai xa días que a vila acolle unha ampla programación cultural, gastronómica e de lecer e vai alimentando o ambiente cara aos días grandes da súa festa, este venres 5 e sábado 6, na vixésimo sétima edición do Asalto ao Castelo.
A recreación histórica da revolta irmandiña vai da man da música nunha programación que bota a andar o venres ás 21h30 coa cea medieval, xa coas entradas esgotadas. Tecla Negra, Cé Orquestra Pantasma e unha queimada á que non faltará o correspondente druída darán paso contra a medianoite á apertura libre das portas do Castelo para os primeiros concertos: Monoulious Dop e Mondra.
O sábado a troula continúa dende a sesión vermú con Coídos e A Quenlla. A feira artesanal, os petiscos irmandiños, o Asaltiño para nenas e nenos xunto con outras actividades infantís ou as músicas de Flow do Toxo serán protagonistas na tarde do sábado, xornada na que a organización do Asalto ao Castelo verá cumpridas unha das súas ilusións históricas: ver tocar na súa festa a Manu Chao.
A recreación histórica da revolta irmandiña vai estes días 5 e 6 de xullo da man da música nunha festa que este ano cumpre unha das súas ilusións co concerto de Manu Chao, cabeza dun cartel no que tamén figuran artistas e bandas como Mondra, Boikot ou os Festicultores
O concerto acústico de Manu Chao (21h), para o que cómpre entrada, será o pórtico do "momento álxido" da festa: o asalto ao castelo en sentido estrito. O público asistente vira en irmandiño e "asiste ao terror dos poderosos", describen dende a organización, para "despois vingarse" levando na man fachos, ariete e mesmo unha batalla de auga. Unha peza teatral a gran escala que "leva as revoltas aos tempos actuais", explican.
Coa revolta xa substanciada, ao castelo volve a música. Primeiro, con Boikot e a continuación, coa primeira actuación en Galicia da vasca Süne. Os Festicultores serán o broche final musical para o sábado. Xa o domingo, continúan as visitas guiadas e teatralizadas ao castelo da man d'Os Quinquilláns e aínda quedarán forzas para o vermú de despedida na Praza de Castelao.
As asociación Cherinkas e AXVALSO son as organizadoras, xunto ao Concello de Vimianzo, dunha festa que xa é recoñecida como de Interese Turístico de Galicia e que conta con apoios públicos coma o da Deputación da Coruña, mais tamén con patrocinios privados de diversas empresas e entidades. Entre estes patrocinios está, un ano máis, o de Praza.gal.