Camiñan a distinto ritmo e deixan unha pegada diferente pero teñen en común que forman parte dese relevo xeracional que se está a dar na moda galega. Os seus nomes: Sara Coleman, Jorge Acuña, Jorge Vázquez e Gonzalo Vázquez son a representación da puxanza que o téxtil galego segue a ter no conxunto da creación estatal. Os catro deseñadores coinciden en que non convén circunscribir a un ámbito territorial concreto o seu campo de acción e buscan a universalización da súa proposta tendo en conta “os tempos que corren”.
Sara Coleman voa en solitario e a súa roupa xa se pode mercar en Rusia, China, Finlandia, Dinamarca, Noruega e naturalmente no conxunto do Estado.
Hai poucos días que regresou a Galicia tras participar na Madrid Fashion Week e obter uns bos resultados de crítica e público. Non é a primeira vez que participa na feira máis importante de España pero a súa presenza entre os grandes foi unha conquista lenta que non ten volta atrás. Na pasarela madrileña presentou a súas últimas creacións pensadas para o vindeiro outono-inverno. Di, Coleman, que “esta colección é a máis madura de todas as que fixen” e engade que si tivera que facer ela mesma unha crítica diría que é “coherente”.
No plano conceptual buscou recrear a “xeometría estelar” e para iso apropiouse da cor prata e de tecidos de pura lana virxe para a confección. Tratase de “buscar contrastes” e de contrapoñer elementos antagónicos como os mates e os brillos. A súa paleta de cores non deixou de lado o xa conseguido azul Coleman ou o verde menta...coa intención de buscar a diferenciación do resto e dotar o total look de Coleman dunha personalidade propia.
Á marxe dos apuntamentos sobre a súa última proposta, Coleman que se formou na Escola Felicidad Dulce de Allariz, non parou dende o inicio da súa carreira de diferenciarse do resto de propostas. Fuxe dos conceptos máis comerciais e reivindica un espazo distinto de aí que as veces os seus clientes e clientas estean localizados lonxe do territorio peninsular. A súa proxección vai ben encarrilada e obtén o recoñecemento nas críticas feitas polos especialistas da prensa especializada, tanto a nivel estatal, como internacional.
Cunha visión distinta ábrese camiño o lucense Jorge Acuña. A igual que Coleman crea a súa propia marca no ano 2007 coa apertura dun atelier en Madrid. Traballa fundamentalmente a costura e aínda que a súa produción relacionase directamente coa demanda da súa clientela a súa sona levouno a presentar no espazo Off de Cibeles a súa colección para o vindeiro outono-inverno e desfilar no Museo do Traxe de Madrid.
Jorge Acuña confesoulle a Praza: “Este año atrevinme a dar o paso coa presentación pública dunha colección e o resultado foi satisfactorio”. Aínda que é partidario de traballar con conceptos comerciais e manter a experimentación nun segundo plano, desta volta arriscou buscando un equilibrio entre “o vangardista, o futurista e as ferramentas tradicionais da costura”. Entre chanzas, Acuña di, que está nun paso intermedio cara o futuro. E por vez primeira introduce na explicación da súa colección elementos do seu mundo onírico como “os insectos” nos que se detivo a mirar a súa forma para confeccionar unha colección “máis arquitectónica, harmoniosa que vaporosa o que resultou dificultoso dende o punto de vista técnico pero que resolvemos axeitadamente”. O que non cambiou e o seu gusto polas cores extremas: vermello, marelo, branco, negro e a elección de telas agradecidas como o veludo ou as sedas para realzar a beleza feminina e a sofisticación sobria.
Outro dos modistos galegos que destacan alén das nosas fronteiras é o betanceiro Jorge Vázquez. A pesar de comezar a súa carreira nos circuítos comerciais e distribución en grandes almacéns reorientou a súa carreira para apostar polos traxes de cerimonia. Montou o seu propio taller de costura e converteuse nun especialista no deseño deste tipo de vestimenta.
Vázquez cre que “a confección no atelier dálle un valor engadido á prenda ao ter unha relación directa co cliente ou clienta”. A modo de exemplo explica que “os traxes de costura das grandes firmas moitas veces no están ao alcance de todos os petos e acudir a propostas como a nosa é unha solución e unha garantía de que non vai ir ninguén vestido como vas ti”.
No seu xeito de traballar, e a diferenza do que ocorre co resto dos seus colegas, non existe o concepto colección ao traballar por encarga e tendo en conta as peticións dos clientes. Porén o recoñecemento a súas creacións son unánimes e o seu ritmo de produción colócano á cabeza dos deseñadores de traxes de cerimonia no conxunto do Estado.
Gonzalo Vázquez completa o cadrado de novos valores da moda galega. G.V. é sen dúbida o máis politicamente incorrecto e heterodoxo de todos. É por definición irreverente e non dubida en sorprender ao que escoita con frases como : “A min non me gusta vestir princesas”. Concibe a moda como unha prolongación de distintas disciplinas artísticas e o seu mundo conceptual está repleto de referencias teatrais, poéticas, escultóricas e pictóricas. Incluso na saliña de espera na que agardan os clientes e clientas ademais dunha colección de botóns hai libros de poesía e algunha novela. Como un non pode ser orixinal en todo, comparte admiración e case veneración pola figura de Alexander McQueen, e unha preferencia polo termo vestiario.
Hai un ano que abriu o atelier “porque quero recuperar o concepto da Maison en moda” e foi en novembro cando presentou a súa primeira colección na Igrexa da Universidade en Compostela. Non defraudou e a coidada posta en escena superou os pequenos tropezos dalgún modelo principiante. Agora traballa xa na de verán e adianta para Praza as liñas básicas dunha obra en plena produción: “chaquetas xastre, pantalóns curtos, moito branco e ausencia de estampados”.
Os catro, Coleman, Acuña, Jorge Vázquez e Gonzalo Vázquez saben que conviven cos eternos nomes da moda galega: Adolfo Domínguez, Roberto Verino ou Kina Fernández pero son sabedores de que xa se está producindo o recambio e que os máis críticos na industria que acusaban a moda española de estar estancada e aportar pouco ao panorama internacional empezan a chiscar o ollo ante as novas achegas dos deseñadores galegos e galegas.