A publicación recompila un total de 63 xogos tradicionais, ademais dunha guía de figuras de papiroflexia e outra para deseñar enredos e xoguetes feitos con tapóns de cortiza
Cando en marzo do ano 2020 a pandemia de COVID-19 obrigou a realizar un confinamento estrito nos fogares en moitas familias aumentou o tempo dedicado aos xogos, buscando manter entretidas as crianzas. Nese momento gañaron importancia moitos xogos tradicionais e populares, que aseguraron horas de diversión para a cativada, e dos que se podían atopar exemplos na web xogostradicionais.gal desenvolvida polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, que durante a pandemia se ocupou de difundir estes xogos a través das redes sociais e das súas propias canles dixitais.
O libro describe e ilustra a practica de xogos como o vexo-vexo, o abellón, as palabras encadeadas, a roda, o pulso dos polegares, o pulso dos pés, a goma, a pita cega, a mariola, o muiño, as chapas, os pelouros, o tiramillos ou os birlos
Froito desa experiencia que ofrecía valiosos recursos para as familias naceu un libro, Xogos tradicionais para tempos de recollida, que foi presentado este xoves en Lugo e que inclúe un gran número de xogos pensados para ser desenvolvidos no interior da vivenda, cun número reducido de xogadores e xogadoras e empregando ademais elementos moi sinxelos.
A publicación recompila un total de 63 xogos tradicionais, ademais dunha guía de figuras de papiroflexia e outra para deseñar enredos e xoguetes feitos con tapóns de cortiza. As ideas poden ser de grande utilidade no caso de que teñamos que sufrir unha nova pandemia e confinamento no fogar, pero tamén para unha tarde de chuvia na que haxa que ficar na casa.
O libro describe e ilustra a practica de xogos como o “vexo-vexo”, “o abellón”, “as palabras encadeadas”, “a roda”, “o pulso dos polegares”, “o pulso dos pés”, “a goma”, “a pita cega”, “a mariola”, “o muiño”, “as chapas”, “os pelouros”, “o tiramillos” ou “os birlos”, propoñendo, no caso dos xogos que precisan materiais para se desenvolver, o uso de obxectos ou elementos que se poden atopar sen dificultade na casa.
Colectivos vinculados á conservación do patrimonio lúdico e docentes arrouparon a presentación da obra, editada pola Deputación de Lugo
Colectivos vinculados á conservación do patrimonio lúdico e docentes arrouparon a presentación da obra, editada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que distribuirá exemplares entre centros de ensino e centros de atención a maiores do ente provincial.
A vicepresidenta da Deputacíon de Lugo Maite Ferreiro destacou na presentación “o interese posto polas asociacións vinculadas á recuperación do patrimonio lúdico neste proxecto” e “o valor engadido que achegan ao libro as ilustracións de Iván Mouronte, autor dos deseño que acompañan a descrición dos xogos”.
No acto interviron tamén Paco Veiga, da Asociación Galega do Xogos Noelia Darriba García e Manuela Vázquez Coto, autoras do prólogo, que repasaron a orixe do proxecto e os criterios de selección dos xogos e estrutura do libro.
Se o desexas, podes repasar a ducia de xogos tradicionais para todas as idades que publicamos hai uns meses e que publicou algunhas das propostas publicadas polo Consello da Cultura Galega e o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego con ilustracións de Nuria Díaz. Ou, tamén, estoutra ducia de xogos tradicionais galegos.