15 anos de Nunca Máis: a indignación rebordou as rúas

Primeira manifestación de Nunca Máis © Nunca Máis

Noutro 1 de decembro, de hai quince anos, máis de 200.000 persoas enchían as rúas de Compostela nunha mañá fría e chuviosa. Semana e pico despois do afundimento do Prestige e co chapapote ennegrecendo as costas, milleiros de paraugas converten Santiago nunha marea de indignación ante a xestión da catástrofe. Un berro que se faría universal repítese insistentemente: "Nunca Máis". O mesmo que daba nome á plataforma creada só uns días antes. Foi a máis grande pero só a primeira mobilización dun movemento reivindicativo e de dignidade que rachou tópicos, traspasou fronteiras e revelou ao mundo unha imaxe de Galicia afastada dos estereotipos. 

Máis de 200.000 persoas ateigaron Compostela nunha manifestación que superou as previsións

Aquela plataforma aberta e plural creada para "canalizar a resposta e a indignación" da sociedade galega, como lembra o seu portavoz Xaquín Rubido, vira superada todas as expectativas con aquela marcha na que se pediron dimisións e que rematou coa lectura do manifesto por parte de Manuel Rivas e coa achega en forma de canción de Uxía Senlle. Nacía un movemento que era algo máis ca iso e que lograba unir baixo un lema e unha moura bandeira galega xente de todo tipo e condición. 

Pero nese 1 de decembro nin tan sequera había bandeiras negras, que si serían protagonistas máis adiante ateigando as fiestras de milleiros de vivendas e locais en toda Galicia. A indignación deu paso a moitas outras mobilizacións que tiveron unha primeira e orixinaria con 5.000 persoas: no peirao de Muxía, ao pouco de chegar a marea negra ás costas, o xoves 28 de novembro. Foi o inicio de todo.

Nun prazo de quince días, máis de 400.000 persoas mobilizáronse en Galicia pedindo dimisións pola xestión da catástrofe

Nun prazo de quince días, máis de 400.000 persoas mobilizáronse en diferentes concentracións pedindo dimisións e protestando pola xestión da catástrofe. Pouco despois daquel domingo en Compostela, 6.000 persoas manifestáronse no Obelisco da Coruña e un milleiro diante do chalé de Fraga en Perbes. Xa o día 11, 200.000 persoas saíron ás rúas en diferentes cidades, cunha masiva resposta en Vigo.

Manifestación de Nunca Máis en 2003 / © Plataforma Nunca Máis


A orixe da plataforma

Houbo concertos, intervencións artísticas e actos que incluíron a conversión da praia de Riazor nun cemiterio con cruces chantadas, cadeas humanas nos areais da Costa da Morte, velorios ou milleiros de maletas que ateigaron as rúas renegando da emigración forzosa dun país impactado polo chapapote. Burla Negra, creada ao pouco do afundimento do Prestige por escritores, actores e artistas, acabou tamén inserida nun movemento que traspasou barreiras e parcelarias varias. 

Cadeas humanas, 'cemiterios' nas praias, maletas, velorios, concertos... Nunca Máis mobilizouse de varias maneiras

Nunca Máis logrou mesmo unir as afeccións de Celta e Deportivo cun mesmo berro e indignación nun derbi celebrado en Riazor naqueles meses. E as bandeiras negras coa banda azul convertéronse nun símbolo. Con el recibiuse masivamente nunha blindada praza de María Pita os membros do Goberno de Aznar no polémico Consello de Ministros celebrado na Coruña para anunciar o Plan Galicia. Aquela marea de indignación trasladouse mesmo a Madrid xa en febreiro, noutra histórica manifestación con milleiros de galegos que viaxaran durante a noite. 

Pero, como se formou a plataforma? Membros de BNG e CIG reúnense pouco despois do afundimento do petroleiro e deciden convocar unha xuntanza na que estean representados todos os colectivos, sindicatos e asociacións posibles para dar unha resposta conxunta e crear un espazo "plural e aberto".

Nunca Máis nace oficialmente o 21 de novembro nunha xuntanza en Compostela

O 21 de novembro celébrase a xuntanza na que están representados Bloque, Esquerda Unida, CUT, CNT, CIG, CGT, varias confrarías e asociacións en defensa das rías, grupos ecoloxistas ou sindicatos estudantís, entre outros. Tamén membros do PSdeG, CCOO e UGT, que apoian as mobilizacións pero deciden non integrarse na plataforma ata semanas despois da gran mobilización de Compostela, xa cando son centos as agrupacións que forman parte do movemento, desde asociacións de veciños, ata clubs deportivos, pasando por diferentes colexios oficiais, concellos ou colectivos empresariais.

Para o nome da plataforma e para o lema da manifestación recórrese ao que xa xurdira, sen tanto éxito, cando o accidente do Mar Exeo na Coruña, cidade onde tamén se pensou nun inicio en convocar a marcha. Finalmente foi Santiago, a onde estaban chamados todos os galegos nunha xornada que acabaría mesmo por saturar as peaxes de entrada á cidade. As reivindicacións quedaron fixadas no cartel: declaración de Galicia como zona catastrófica, medios para parar a contaminación, indemnizacións aos afectados, asunción de responsabilidades políticas e dispor dun dispositivo axeitado de salvamento, contra a contaminación e de intervención rápida.  

Manifestación de Nunca Máis en Madrid / CC-BY-SA Comités

"En Galicia era un asunto pendente que a sociedade fose quen de responder unitariamente fronte a algo grave, con intensidade e permanencia no tempo. A mobilización con Nunca Máis fíxonos sentir seguros de que somos capaces de responder como país", resume Rubido, que cre tamén que, para fóra, tamén "axudou a configurar otra realidade da sociedade galega, moito máis rica, máis matizada e máis acorde cos tempos e non tanto coa imaxe que se tiña do pasado".

"Nunca Máis fíxonos sentir seguros de que somos capaces de responder como país"

Non era casualidade tampouco. Galicia viña, tan só uns meses antes, de liderar as protestas universitarias que en todo Estado se deron contra a LOU (Lei Orgánica de Universidades) e que provocou longos peches e mobilizacións masivas no país. Á indignación do Prestige sucedéronlle importantes manifestacións contra a guerra de Irak e a comunidade, aínda hai pouco, destacou como unha das autonomías con maior seguimento da folga xeral, con marchas "históricas"

"Foi un punto de inflexión", coinciden varios dos protagonistas na plataforma ao seren preguntados pola influencia de Nunca Máis na sociedade. "Había científicos no comité de expertos do Goberno e en Nunca Máis; eramos, practicamente, un goberno paralelo", insiste Rubido. Xa no 2003, o colectivo recibiu o Pedrón de Ouro pola "firme e histórica reacción de dignidade" logo do sinistro, así como o premio Sabino Arana en Bilbao. As mobilizacións continuaron pero foron apagándose ata que a Xustiza dita unha sentenza que absolve o Estado de calquera responsabilidade na catástrofe once anos despois. Milleiros volveron saír á rúa cun mesmo berro, ese que aínda é usado para clamar contra xestións como a levada a cabo neste outono na grave vaga de incendios. 

Cartel da manifestación do 1 de decembro Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.