28 de decembro: Protesta contra a "inocentada" das peaxes da AP9

Cartaz da mobilización convocada para este 28 de decembro © Plataforma contra a suba das peaxes

Esta semana soubemos que o vindeiro 1 de xaneiro o prezo das peaxes nas autoestradas galegas volverá subir. Farao un 2,4% na AP9 e un 3,3% nas vías titularidade da Xunta. É unha suba habitual, axustada ao IPC e non sería noticia se non fose porque, acumulada aos outros tres incrementos que os prezos experimentaron ao longo de 2012, sitúan o custe do traxecto entre Vigo e A Coruña nos 15,05 euros, dous euros máis que o pasado ano. Entre Vigo e Santiago o prezo pasará de 8,65 a 8,85 euros. E entre Santiago e A Coruña subirá de 6,05 a 6,20.

Non é de extrañar que a AP9 perdese neste 2012 máis de 600.000 usuarios e que se situase en niveis de 2001. De xaneiro a agosto deste ano a autoestrada rexistrou un tráfico de 5,49 millóns de vehículos, 646 mil menos que no mesmo período do ano anterior e máis dun millón menos que en 2007 e acumulando xa 17 meses consecutivos de descensos. A pesar deste descenso, a empresa ingresou no primeiro semestre de 2012 ao redor de 65 millóns de euros, cinco millóns menos que en 2011, e cuns beneficios mesmo así de 22 millóns de euros. 

A pesar do descenso de usuarios a empresa tivo uns beneficios de 22 millóns de euros no primeiro semestre do ano

Tampouco é de estrañar que os consumidores e consumidoras estean fartas xa e leven meses propoñendo distintas iniciativas de protesta e boicot. A finais de outubro a Plataforma contra a suba das peaxes convocou unha xornada de desmobilización para deixar de usar a AP9 ese día. O resultado, segundo os seus promotores, foi que o tráfico se recortou nun 15%. Ademais, púxose en marcha unha campaña en change.org para pedir a rebaixa nos prezos e a aplicación de descontos para os usuarios frecuentes. 

En Navarra o mesmo grupo Itinere que xestiona a AP9 desconta un 90% do prezo da peaxe a aqueles condutores que empreguen a autoestrada en 15 traxectos de ida e volta

Agora a Plataforma convoca unha nova xornada de boicot á AP9 o 28 de decembro na que pide que se utilicen vías alternativas. Ademais, convócase a todos os usuarios e usuarias a levar no seu coche un monigote propio do Día dos Inocentes en protesta pola "inocentada" dos "prezos abusivos". E repiten que continuarán con estas e outras protestas até que os prezos se rebaixen ou que cando menos se apliquen en Galicia os mesmos descontos que as empresas concesionarias das autoestradas ofrecen noutras comunidades autónomas para os usuarios frecuentes.

O Goberno central destina cada ano 150 millóns de euros para pagar descontos para os usuarios, pero Galicia só recibe cinco millóns. Dende a Plataforma explican por exemplo que en Navarra o mesmo grupo Itinere que xestiona a AP9 desconta un 90% do prezo da peaxe a aqueles condutores que empreguen a autoestrada en 15 traxectos de ida e volta.

Unha peaxe da AP9 Dominio Público Adrián Estévez
Cartaz que a plataforma anima a levar ese dia © Plataforma contra a suba das peaxes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.