Nin unha, nin dúas, nin tres. As agresións contra Juan Fajardo -deputado no Parlamento galego e concelleiro en Vilagarcía de Arousa- e os seus familiares continúan. O acoso comezou durante na campaña electoral, con varios episodios nos que persoas sen identificar realizaron pintadas intimidantes no vehículo de familiares e na porta da súa vivenda, onde alguén escribiu "mierda comunista". Repetíronse en varias ocasións, deténdose uns días antes dos comicios, e agora semella que volven comezar.
Este domingo, de novo a vivenda da súa irmá foi obxecto de pintadas e outros desperfectos, unhas accións nas que Fajardo ve a man "da ultradereita". "Isto non é algo casual nin illado, e vai máis aló dun delito de danos, isto é un delito de odio político e así queremos que se investigue e se xulgue", sinala.
Ao igual que hai unhas semanas, o que máis molesta a Fajardo é a "deixadez" das forzas de seguridade e a sensación de "impunidade". "Sentímonos totalmente esquecidos. E o peor foi onte á noite, que a miña irmá escoitou os agresores na porta da súa casa, chamou á policía e a policía nin sequera foi por alí”, explica. "É unha situación brutal, inaceptable" -di- "esperemos que isto non vaia a máis e que as agresións non aumenten en intensidade".
"Se isto llo fixeran a un parlamentario do PP estarían falando xa de terrorismo", engade. O deputado e concelleiro, que xa presentou varias denuncias polos feitos, criticaba xa hai unhas semanas entrevistado por Praza a dobre vara de medir esta situación e outras, moito máis perseguidas: "Neste país métese a xente na cadea por facer comentarios políticos en twitter, ou hai decenas de sindicalistas no cárcere por defender o dereito á folga, pero cando a ultradereita fai estas cousas resulta que che poñen todas as dificultades posibles á hora de facer a denuncia".