A Alianza Social anima a secundar a folga xeral porque "hai motivos dabondo"

A Alianza Social Galega está formada por ao redor de 60 organizacións CC-BY-SA Praza Pública

A Alianza Social Galega, que integra a case sesenta organizacións sindicais e sociais, vén de aprobar por unanimidade unha declaración de apoio á folga xeral do vindeiro 14 de novembro. Os membros deste colectivo consideran que as políticas neoliberais que están a aplicar os gobernos galego e español "desmantelan o estado do benestar e conducen a cidadanía a un empobrecemento masivo e, polo tanto, a unha sociedade máis inxusta e menos igualitaria".

A Alianza Social di "compartir" os obxectivos da folga xeral e asegura que "hai razóns suficientes" para secundala

Na declaración, feita pública a través dun comunicado, a Alianza Social Galega decide sumarse á folga xeral porque di "compartir" os seus obxectivos, entre os que destaca o "rexeitamento á reforma laboral, o repagamento farmacéutico, os recortes nas pensións e prestacións sociais, a deterioración e privatización dos servizos públicos, a suba do IVE, a amnistía fiscal a quen defrauda ou o desmantelamento dos nosos sectores produtivos básicos".

Todas as organizacións que conforman a Alianza Social Galega aseguran que hai "razóns suficientes" para secundar a folga xeral do 14 de novembro, polo que tamén fan un chamamento á cidadanía a participar.

A Alianza Social Galega presentouse publicamente o pasado 18 de outubro en Santiago de Compostela e no seu manifesto fundacional foi apoiada por case sesenta organizacións sindicais e sociais, entre elas UGT, CCOO e CIG. O obxectivo da Alianza é "dar resposta ás nefastas políticas antisociais da Xunta e do Goberno central".

As organizacións que integran a Alianza Social Galega apuntan "que este tipo de políticas antisociais comezaron a ter especial virulencia desde maio de 2010 e que o PP as intensificou desde que chegou ao poder no Estado". Denuncian que estas actuacións "atenden só os intereses dos mercados —a banca e o capital financeiro internacional—, que mediante o seu neoliberalismo depredador pretende minguar o noso estado do benestar".

A Alianza Social Galega está formada por ao redor de 60 organizacións CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.