A antiga mina de Corcoesto xa duplicou os niveis de arsénico no río Anllóns

Parte media e inferior da bacía do río Anllóns e o seu esteiro, coas zonas contaminadas © SGHN

Unha seria advertencia do que pode vir. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) alerta dos efectos contaminantes e nocivos que a explotación mineira a ceo aberto prevista en Corcoesto, e á que á Xunta dará o visto e prace coa súa Declaración de Impacto Ambiental, pode provocar no territorio. E faino aludiondo a un artigo de investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e a Universidade de Vigo sobre os niveis de arsénico na conca do río Anllóns, que demostran que a antiga mina de ouro desta zona de Bergantiños duplicou xa a cantidade de arsénico presente ao atravesar a zona de Corcoesto ata chegar á metade do límite aceptable en augas para consumo humano.

A investigación alerta da contaminación provocada por unha antiga minería a pequena escala, moito menos nociva que o proxecto que se prevé agora

"Se esas son as consecuencias actuais da antiga minería a pequena escala en Corcoesto, as repercusións futuras poderían ser tan enormes como o propio proxecto mineiro de Edgewater Corporation", advirte a SGHN, que lembra as dimensións do proxecto: 774 hectáreas de mina a ceo aberto, 20 millóns de metros cúbicos de estériles de mina e 100.000 toneladas anuais de estériles de mina tratados con cianuro-sosa cáustica-ácido clorhídrico que, ademais do ouro, solubilizarán tamén o arsénico das rochas.

As concentracións de arsénico no Anllóns duplícanse ao atravesar a zona de Corcoesto ata chegar xa á metade do límite aceptable en augas para consumo humano

No devandito artigo, os investigadores aseguran que nas augas do Anllóns as concentracións de arsénico duplícanse ao atravesar a zona de Corcoesto ata chegar xa á metade do límite aceptable en augas para consumo humano, ademais de destacar tamén que na metade dos puntos de mostraxe no esteiro do Anllóns "os niveis de arsénico nos sedimentos superan amplamente os límites para consideralos contaminados".

Segundo o artigo dos investigadores galegos publicado nunha moi prestixiosa revista científica, esta contaminación dos sedimentos “debe ser consecuencia de rápidos picos de fluxo do río Anllóns que poden transportar sedimentos de maior tamaño de partícula procedentes da zona mineira”. Este documento non puido ser incluído nas alegacións presentadas ao futuro proxecto mineiro ao non estar aínda publicado.

"As zonas de sedimentos máis contaminados son consecuencia directa da antiga explotación de ouro que agora se quere reactivar"

Aínda que en parte poida ser unha consecuencia natural da existencia de arsenopiritas na zona, alguns datos da investigación apuntan a que "as zonas de sedimentos máis contaminados son consecuencia directa da antiga explotación de ouro que agora se quere reactivar". Ademais, a SHGN destaca que "fronte á minería a pequena escala, a miúdo subterránea, practicada no pasado na zona de Corcoesto, o proxecto da compañía canadiana Edgewater pretende explotar a ceo aberto unha superficie de 773,6 ha, con posterior trituración das rochas e tratamento das mesmas con cianuro para extraer o ouro e logo con sosa cáustica e ácido clorhídrico para eliminar o cianuro e corrixir o pH".

Xa que logo, "o proxecto incrementaría enormemente a superficie de terreo exposta á intemperie e, polo tanto, a meteorización das rochas e a solubilización do arsénico que conteñen". Do mesmo xeito, xeraríanse anualmente "100.000 toneladas de residuos" do procesado de rochas con cianuro/sosa/clorhídrico que, ademais de extraer o ouro, "sen dúbida ningunha acelerarán moitísimo a solubilización doutros elementos das rochas, entre eles o arsénico".

A propia compañía Edgewater admite nun informe remitido á Xunta que no ecosistema da zona se producirán alteracións na rede de drenaxe das augas superficiais, producirase po durante o triturado da rocha e destruirase o chan que ocupará a zona de refugallos da mina. Ante esta situación, SGHN vén de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que en aplicación do principio de cautela se anule a Declaración de Impacto Ambiental positiva para o proxecto mineiro.

 

 

Esteiro do río Anllóns © SGHN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.