A Asociación Galega de Apicultura e a Granxa Arqueixal, premios 'Osíxeno'

Os premios Osíxeno e Dioxina chegan á súa 15ª edición © ADEGA

ADEGA fixo públicos os galardoados na 15º edición dos premios Osíxeno e Dioxina, que sinalan o peor e o mellor do pasado ano dende a perspectiva ambiental en Galicia. O anuncio, ademais, coincide tamén coas celebracións dos 40 anos da entidade, constituída en 1975 e legalizada en 1976. "Queremos ante todo recoñecer o traballo e o compromiso xeneroso dos milleiros de socios e socias de ADEGA ao longo destes 40 anos", sinalan, dedicándolles en consecuencia a eles e elas, "presentes e ausentes", o premio Osíxeno de Honra "por termar do ecoloxismo galego e defender a natureza do país durante todo este tempo". Os premios entregaranse no decurso dun xantar de confraternización que terá lugar o vindeiro sábado 30 de xaneiro a partires das 14.30 horas na Nave de Vidán.

Na edición 2015 dos galardóns, o premio Osíxeno en categoría individual vai dirixido a Xesús Asorey Martínez, secretario técnico da AGA (Asociación Galega de Apicultura) "pola súa loita incansábel por divulgar e manter viva esta actividade tradicional, especialmente nos últimos tempos cos problemas dos pesticidas e a vespa velutina". O premio Osíxeno en categoría colectiva recoñece o labor da Granxa Arqueixal, "referente da produción ecolóxica en Galiza e exemplo de dinamización e posta en valor do medio rural con iniciativas respectuosas e sustentábeis".

Pola outra banda, os premios Dioxina, que sinalan as actuacións negativas ou agresións contra o medio, van destinados nesta ocasión á empresa ENCE, "pola súa teima en seguir contaminando outros 75 anos a ría de Pontevedra e ser responsábel da enorme estensión do eucalipto en Galiza". E tamén aos "líderes mundiais responsábeis do decepcionante resultado do Cumio do Clima de París", destacando ADEGA que "a súa falla de visión e de responsabilidade ao pechar un acordo sen medidas urxentes nen compromisos vinculantes, supón outra oportunidade perdida na loita contra o cambio climático".

Os laureados e laureadas nesta edición únense á unha xa longa lista de nomes sinalados, por ben ou por mal, nos últimos anos. A plataforma en defensa da ría do Burgo, Cemma, Nunca Máis, Antón Masa (presidente da APDR), Adolfo Muíños (alcalde de Rianxo) ou a Plataforma Sarriana polo Río figuran entre os homenaxeados co premio Osíxeno. E os responsables políticos da marea negra, Carlos Muñoz (xefe do servizo de conservación na Coruña), SOGAMA ou Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta aparecen entre os criticados polas súas actuacións.

 

Os premios Osíxeno e Dioxina chegan á súa 15ª edición © ADEGA
Imaxe da Granxa Arqueixal Dominio Público Praza Pública
Actividade da Asociación Galega de Apicultura © http://apiculturaiberica.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.