A expansión da vespa velutina en Galicia non se detén e segue a provocar graves problemas, sobre todo no sector apícola, que pide "actuacións inmediatas" ante un impacto que se engade ao cambio climático, a perda de biodiversidade, o encarecemento dos custos de produción ou as importación de mel.
Desde que aparecesen os primeiros niños desta especie en Galicia en 2012, a súa expansión foi exponencial e imparable. En apenas cinco anos contabilizáronse 30.000 niños e o servizo centralizado da Xunta para a retirada de avespeiros sumaba desde 2020 e ata finais de xullo 155.000. Ata daquela, neste ano, recibíranse máis de 20.000 avisos pola presenza de nespreiros ou insectos, case o dobre que no mesmo período do pasado ano.
A presenza é tal que xa non é estraño atopar niños en cámaras de ventilación, chemineas, muros ou mesmo baixo terra. Unha "invasión incontrolada" ante a que o sector apícola reclama unha actuación urxente.
Varias entidades do sector apícola piden unha actuación urxente das administracións ante a "invasión incontrolada" da velutina e dan 30 días para acordar medidas
Varias entidades (como o SLG, a Agrupación Apícola de Galicia, a Asociación Apícola Abellas Nais, a Asociación Casa do Mel, a Asociación de Apicultura Serra da Carba, Asociación Galega de Apicultura e a Asociación Provincial Lucense de Apicultores) rexistraron este xoves un manifesto na Xunta baixo o lema Polas nosas abellas, polo noso futuro e pola nosa terra! Stop Velutina e o abandono institucional!. Nel solicitan ás administracións competentes que as demandas que se recollen no escrito sexan escoitadas e que se executen as accións oportunas para desenvolvelas.
Agardan "unha resposta, unha xuntanza e solucións específicas á problemática no prazo de 30 días". “Se en 30 días non hai solucións o sector valorará accións: se non hai solucións, mobilizacións!”, sinalaron.
Entre as demandas do sector ás administracións, en especial á Xunta, á Fegamp e ao Ministerio de Agricultura, están o financiamento para investigación científica pública, compensacións económicas por perdas e sobrecustos, defensa do mercado local e etiquetado transparente, a creación dunha mesa permanente da Apicultura Galega, e a protección as abellas na PAC.
O sector reclama investigación, compensacións, defensa do mercado local e etiquetaxe transparente, unha mesa permanente da Apicultura Galega e a protección as abellas na PAC
Dese modo, tal e como se recolle no manifesto, os colectivos esixen ás administracións, en especial á Xunta de Galicia, a Fegamp e o MAPA, financiamento para investigación científica pública, compensacións económicas por perdas e sobrecustos, defensa do mercado local e etiquetado transparente, a creación dunha mesa permanente da Apicultura Galega, e a protección as abellas na PAC.
O sector lembra que a crise climática, a consecuente perda de biodiversidade, a importación foránea de mel, os sobrecustos, o parásito varroa destructor que ataca as abellas, xunto coa expansión da velutina, supoñen unha "tormenta perfecta" na que os produtores corren "o risco de desaparecer se non se afronta como unha problemática social e un problema de toda a sociedade”.
O sector advirte de que a apicultura en Galicia está a atravesar "unha crise sen precedentes" que podería provocar a "desaparición de miles de colmeas por todo o territorio e, polo tanto, a desaparición das persoas abelleiras, custodios e custodias das mesmas e parte moi importante na conservación da biodiversidade e do noso medio rural".