A asociación Monte Pindo, catro anos descubrindo e protexendo os valores do Olimpo Celta

Lirio de monte, especie en risco que logrou sobrevivir ao lume CC-BY-SA Roi Carballal / Monte Pindo Parque Natural

Este venres 17 de outubro cumpriranse catro anos desde que un grupo de veciños de Carnota se reuniron para "comezar a traballar polo desenvolvemento do Olimpo Celta" do Monte Pindo, daquela sumido no desinterese xeral e tan só tido en conta por eruditos e veciños e visitantes que acudían a visitalo de cando en vez. Daquela xuntanza xurdiu a Asociación Monte Pindo, un movemento social co que se persegue a declaración deste lugar como Parque Natural e logo de que a proposta que xa lanzara Adega fose rexeitada pola Xunta.

"Catro anos despois, o Monte Pindo é moito máis coñecido en todo o mundo", reivindica a asociación

"Catro anos despois, o Monte Pindo é moito máis coñecido en todo o mundo. Escribiuse, narrouse, filmouse máis nestes catro anos sobre os seus valores paisaxísticos, xeolóxicos, arqueolóxicos, naturais, patrimoniais e deportivos que durante os seus 350 millóns de anos de existencia", lembra agora a asociación, que celebra este cuarto aniversario agradecendo e dando os parabéns aos centos de persoas afiliados, ás 169 entidade e empresas que apoiaron o proxecto e aos milleiros de persoas que seguen acudindo á zona e mesmo financiando as actividades do colectivo.

Como lembra a asociación, estes catro anos "tamén marcaron un antes e un despois no coñecemento deste espazo natural". "Non só se publicou máis que nunca, senón que o 65,79% de todo o patrimonio arqueolóxico que se coñece no Monte Pindo foi descuberto nestes catro anos por membros e colaboradores desta entidade, dando asi continuidade fluída á labor feita antes por referentes coma Xosé Barreiro Barral, Pedro Marfany, Fernando Alonso Romero ou Ramón Vidal Romaní", recordan.

O 65,79% de todo o patrimonio arqueolóxico que se coñece no Monte Pindo foi descuberto nestes catro anos

Así, entre os novos achados destacan desde cerámicas, petroglifos, covas de fuxidos da Guerra Civil, lapislázuli, moedas e outros elementos medievais. "Unha inmensidade de patrimonio que sacamos da sombra para multiplicar o valor do Olimpo Celta, e que nos permiten hoxe confirmar a súa ocupación practicamente continuada desde o Paleolítico ata o abandono do pastoreo na última metade do pasado século", conta.

"Todo este traballo de investigación, divulgación e promoción non foi doado, interviron moitísimas persoas de xeito absolutamente altruista, dedicando o seu tempo libre e os seus recursos, por pura amizade e vocación de ir descubrindo o que este macizo aínda nos agocha, que é moito. E todo isto se fixo sen ter recibido un só euro das arcas públicas", reivindica unha asociación que advirte que se foron capaces de facer todo iso "sen cartos, imaxinemos se a Xunta cumprise cos criterios de conservación que se ten marcado en materia ambiental, investise o que tería que ter investido neste espazo, e en lugar de dar as costas aos movementos veciñais valorase, por un momento, colaborar con eles".

"Todo se fixo sen ter recibido un só euro das arcas públicas", di un colectivo que denuncia o desleixo da Xunta co espazo

A asociación pregúntase que sería da zona se a Xunta declarase o Parque Natural do Monte Pindo "para que este espazo natural e o seu contorno participe no reparto dos máis de dous millóns de euros que a Xunta destina anualmente aos parques naturais", ou se o dotase "dunha dirección e dun Plan Rector de Uso e Xestión". Coa axuda da Administración, di o colectivo, poderíanse tamén financiar investigacións e publicacións, excavar o Castelo de San Xurxo e a ermida de Campo de Cortes, retirar os eucaliptos e traballar pola recuperación da vexetación autóctona, mellorar e sinalizar as rutas para que nunca máis ninguén se perda, apoiar a creación de empresas ou cooperativas de turismo rural, actividades deportivas e aproveitamento substentábel dos recursos do monte para xerar quen sabe se ducias de postos de traballo, vixilar as subidas de motos e de pirómanos e, en definitiva, axudarnos a sacar o Monte Pindo do seu actual abandono". 

"É o menos que debe esperarse de quen ten por lei a xestión deste Olimpo Celta. Quen sabe se o incendio do pasado mes de setembro sería hoxe tan só un pesadelo", finaliza.

Achados no Monte Pindo © Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.