A Audiencia de Navarra deixa en liberdade os membros de 'La manada' ata que a súa condena sexa firme

Manifestación na Coruña en resposta á sentenza de 'La Manada' CC-BY-SA Praza Pública

O tribunal da Audiencia de Navarra que condenou os membros de La Manada, o grupo de mozos que violaron unha moza en Pamplona durante as festas de San Fermín do 2016, quedarán en liberdade provisional, ata que a sentenza sexa firme, segundo puido confirmar a edición navarra de eldiario.es. Só deberán abonar unha fianza de 6.000 euros

Dous dos tres maxistrados que compoñen a sala 203 do Palacio de Xustiza de Pamplona fixeron valer a súa maioría de voto e puxeron en liberdade os cinco membros de La Manada, que se atopaban encarcerados  á espera dunha sentenza firme.

O 7 de xullo faranse dous anos dende que os acusados ingresaron en prisión, pero a lei contempla a posible ampliación ata un máximo da metade da condena, neste caso dous anos e medio máis

Os cinco acusados foron condenados a nove anos de prisión por un delito de abuso sexual con prevalimento cometido nos Sanfermines de 2016 e atópanse en prisión provisional desde o 7 de xullo dese ano, pois foron detidos horas despois de cometer os feitos. Con todo, foron absoltos do delito de agresión sexual, circunstancia que xerou unha vaga de protestas sen precedentes tanto en diversos puntos do Estado como a nivel internacionl. O movemento feminista galego desenvolvera unha trintena de masivas mobilizacións tras a sentenza.

O próximo 7 de xullo faranse dous anos desde que os membros de La Manada ingresaron en prisión provisional. Trátase do período máximo previsto na lei para a situación de prisión provisional, aínda que cumprido este prazo a lei tamén contempla a súa revisión para unha posible ampliación. Podería prolongarse como máximo ata a metade da condena imposta, polo que se podería prorrogar ata outros dous anos e medio.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.