A banca ética decide o seu futuro

© Elaina Elaina

A asociación de banca ética Fiare Galiza debate este sábado en Vigo o seu futuro. Sobre a mesa está a proposta de integración do proxecto na italiana Banca Popolare Etica. Até o momento, Fiare actuaba como axente desta entidade no Estado Español

Os dous proxectos comparten a mesma filosofía de fondo e  forma de funcionar, pero a banca ética está moito máis asentada en Italia, mentres que aquí aínda "está en cueiros", segundo o sociólogo e activista de Fiare Raúl Asegurado.  

Un dos puntos a debater é como conxugar o carácter cooperativista e de base de Fiare cunha entidade que abranguerá dous países e actuará baixo a xurisdición do Banco Central Europeo. 

Os dous proxectos comparten filosofía e funcionamento

En principio o conxunto do Estado pasará a quinta zona operativa da Banca Popolare, porque Fiare só representa o 10% do capital desta entidade. Por esa razón outro punto de discusión é como manter a autonomía da que agora gozan as diferentes entidades territoriais dentro do Estado.

Para Asegurado "Nós imos ser 100% na xestión bancaria, pero tamén teremos que facer asembleas a nivel europeo". 

"Para a banca ética é fundamental a creación de grupos locais, o asentamento no territorio e a sensibilidade cara as diferencias culturais e sociais", lembra este sociólogo. Pero a dúbida de como mesturar as dúas cousas "aínda non está resolta", asegura.

A diferencia doutras entidades como Triodos Bank, Fiare ou Banca Popolare son cooperativas, nas que as persoas que achegan o capital social pasan a ser socias de pleno dereito. Nas asembleas da entidade decídense desde as escalaras salariais das persoas liberadas ou a taxa de xuro dentro do marco estabelecido polo Banco de España, conta Asegurado. 

 

Que facer con Fiare? 

Se finalmente os socios apostan pola integración coa entidade italiana, tamén deberán debater que facer con Fiare como asociación. Na actualidade, a cooperativa actúa como intermediaria entre os solicitantes de crédito e a propia operativa bancaria, que conta con tres oficinas no Estado.

Porén, agora esa función será asumida polo ente saído da unión das entidades. Pero esta non poderá realizar accións de difusión do proxecto e de labor pedagóxico sobre a banca ética, polo que Fiare podería asumir a forma dunha fundación para realizar este tipo de tarefas.    

Nese caso, colectivos integrados na cooperativa como Coop57 terán que ver como se artella este eido de actuación para evitar duplicidades co traballo de colectivos que xa existen

Asemblea constituínte de Fiare GZ © Fiare

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.