A batalla legal contra a cancelación da mina de Corcoesto chega á Audiencia Nacional

Tractorada contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

Os problemas xudiciais polo proxecto cancelado da mina de Corcoesto acumúlanselle á Xunta. E chegan mesmo á Audiencia Nacional, que vén de aceptar un recurso contra a denegación por parte do Goberno do permiso para o proxecto mineiro en marzo de 2014. A reclamación non chega, desta vez, da multinacional Edgewater, senón dunha pequena empresa galega, Pedra País, con sede en Vigo. 

A Audiencia Nacional acepta un recurso contra a denegación do permiso para o proxecto mineiro de Edgewater

A compañía solicitara un plan de explotación mineira en 2002 que foi rexeitado doce anos despois -en setembro de 2014- por parte da Xunta de Galicia. O caso é que Pedra País reclamou en 2015 ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) contra o rexeitamento do Goberno galego ao plan de Mineira de Corcoesto, filial de Edgewater. A CNMC non aceptou a demanda e esta pequena firma de Ponteareas decidiu presentar un recurso ante a Audiencia Nacional, que si deu o visto e prace ao seu recurso. 

O recurso non chega de Edgewater, senón dunha empresa galega que solicitar un plan de explotación mineira en 2002

Será agora a sección sexta da sala do contencioso-administrativo da Audiencia Nacional a que determine se os requerimentos económicos e técnicos que a Consellería de Economía e Industria esixiu a Edgewater para o polémico proxecto de Corcoesto son proporcionados e acordes á lei mineira de Galicia e á normativa que garante a unidade de mercado. Será o recurso desta pequena compañía quen impulse outro intento por revogar a cancelación da megamina que a multinacional canadense pretencía en Cabana de Bergantiños. 

Edgewater, no recurso que ten presentado ante o TSXG denuncia "unha actuación absolutamente arbitraria, inxustificada e que rompe co principio de non discriminación e igualdade de todos ante a lei" por parte da Xunta. Agora, unha argumentación semellante emprega Pedra País, compañía que, segundo fontes consultadas por este diario, leva varios anos sen presentar as súas contas no Rexistro Mercantil. 

Fontes xudiciais desconfían desta iniciativa e non descartan que Edgewater estea a utilizar legalmente esta pequena empresa como "ariete" xudicial contra a Xunta. 

Fontes xudiciais desconfían e non descartan que Edgewater estea a utilizar esta compañía galega como "ariete" contra a Xunta

Logo de que o Goberno galego cancelase a súa iniciativa mineira, a firma canadense Edgewater comezou unha batalla legal que incluíu un recurso de reposición, outro ante a UE e un litixio por unha presunta ruptura de tratados internacionais. Solicita, entre outras cousas, 20 millóns de euros polo investido para impulsar esta mina a ceo aberto e presentou tamén un recurso contencioso-administrativo do que agora se coñecen detalles.

No presentado ante o TSXG inclúe documentación na que se insinúan prácticas corruptas por parte do Goberno de Núñez Feijóo, mentres que a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de remitir ao alto tribunal outros documentos nos que se apunta un "claro trato de favor" por parte da Xunta a Edgewater. Ademais, Amigos da Terra xa pediu á Fiscalía unha "exhaustiva investigación" sobre o polémico visto e prace ambiental que o Goberno deu á multinacional. 

Edificio da Audiencia Nacional en Madrid CC-BY-SA FDV

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.