Xavier Artigas e o seu compañeiro na produtora Metromuster, Xapo Ortega, non descansan. “Se me chaman e non podo atender o buzón de voz dá o número de Xapo” di Artigas. Desde a emisión do seu documentario Ciutat Morta na TV pública catalá, non hai descanso para os dous. En moitos lugares queren coñecer o caso da estudante Patricia Heras e da súa morte, envolta nun misterio que como todos os misterios agocha unha explicación que non interesa dar a coñecer a algúns sectores da vida “pública”. Ciutat Morta é un traballo sobre unha persoa que nun momento determinado e sen querer, vese no medio dunha voráxine coñecida logo como os “Sucesos do 4-F”.
O 4 de febreiro de 2006 a Garda Urbana (policía local) de Barcelona e outros corpos policiais, tentan desaloxar a okupa da rúa Sant Pere més Baix na capital catalá. Un policía local recibe o impacto dun obxecto na cabeza que o deixará parapléxico. A policía actuou contra sete persoas que estaban na rúa. Esas persoas acabaron no Hospital del Mar, coincidindo alí con Patricia Heras e un amigo dela, que aseguraban estar no hospital por un accidente de bicicleta. Patricia e o seu amigo foron detidos cos demais. A Audiencia de Barcelona considerou que Patricia e o seu amigo tamén participaron nos feitos e enviounos á cadea en 2010. Un ano despois, nun permiso penitenciario, Patricia Heras suicidouse.
Ciutat Morta proxectouse este mércores no Cineclube de Compostela e este xoves farao no Centro Social Escárnio e Maldizer tamén en Santiago, na rúa da Algalia de Arriba. Aproveitando a presenza dun dos directores, Xavier Artigas, falamos con el sobre o filme.
Quen era Patricia Heras?
Patricia era unha estudante de Literatura que cando aconteceron os Sucesos do 4F, levaba moi pouco tempo en Barcelona. Chegara había pouco á cidade. Tiña unha sensibilidade extrema e escribira moito sobre as súas impresións naqueles primeiros días. Despois, cando lle aconteceu o do 4-F deixou por escrito tamén os feitos arredor deses días.
"Este traballo trata dunhas persoas que son inocentes, non tiveron as mínimas garantías de presunción de inocencia e foron torturadas e logo pasaron por unha máquina xudicial e política que as criminalizou desde un primeiro momento"
A persoa que di saber quen arreou o obxecto contra o garda urbán, segue sen querer declarar?
Nós só tivemos contacto con esa persoa unha vez. Gravámola porque esa mesma persoa nolo pediu, pero sen que se lle vise a cara e sen que se lle recoñecese a voz. Logo nós caemos na conta que era unha declaración cun valor xornalístico moi baixo, e que tamén tiña un grave problema: que a xente se obsesionase con quen tirou a maceta. Nós non queriamos falar diso, non é o tema do filme. O filme non quere descubrir quen foi quen lle tirou a maceta ao policía. Este traballo trata dunhas persoas que son inocentes, non tiveron as mínimas garantías de presunción de inocencia e foron torturadas e logo pasaron por unha máquina xudicial e política que as criminalizou desde un primeiro momento.
Onte nunha entrevista na Radio Galega dicías que o caso de Patricia Heras estaría dentro dun contexto mafioso en Barcelona. Meterías dentro dese contexto a eliminación dos cinco minutos nos que fala un membro da Garda Urbana cando emitiron Ciutat Morta en Canal 33?
Totalmente. Para min é parte do mesmo modus operandi. A mesma lóxica coa que funciona o poder. Por unha banda quere un control total sobre a cidade, pois para todos eles é un grande negocio. Por iso funciona como unha mafia, porque queren controlar o negocio de maneira legal ou ilegal, tanto lles ten. Mais no momento de tentar apuntar os culpables deste entramado, hai unha vontade de eliminar probas como aconteceu neste caso. Queren eliminar evidencias e que os culpables queden impunes. Mais esta xente segue a vivir noutra época cando esas cousas se podían tapar tranquilamente, pero agora cambiamos de paradigma.
Falas do paradigma do 15M, como dicías onte na mesma entrevista?
Eu falo de, por unha banda, o paradigma das redes sociais nas que se democratizou totalmente a comunicación, mesmo medios e comunicación en xeral. A cidadanía non é só receptora senón tamén emisora. E tamén, polo que che dixen, o 15M. O momento no que a xente deixa de confiar no sistema, nos media tradicionais e canaliza a súa indignación cara unha forma máis ou menos organizada. Isto fai que cada vez caia na conta que nos enganaron durante moitos anos.
"Queren eliminar evidencias e que os culpables queden impunes. Esta xente segue a vivir noutra época cando esas cousas se podían tapar tranquilamente, pero agora cambiamos de paradigma"
Pensas que esa democratización foi o que moveu o sistema de crowdfunding para crear Ciutat Morta?
Voute corrixir, pois non creo que o crowdfunding servise para financiar Ciutat Morta. O crowdfunding foi algo testemuñal, algo que fixo que desde o primeiro momento houbese moita xente involucrada no proxecto. Toda canta xente estivo vinculada seguiu o proxecto, coidándoo e acompañándoo. Nese sentido, si, pero de maneira simbólica. Ciutat Morta saíu de horas de traballo gratuíto que puxemos os directores e moita máis xente. Para nós non é un modelo válido.
Falaches tamén de artistas audiovisuais que teñen medo a reflectir asuntos e temas incómodos. Por que pensas que é así?
Eu sempre dixen que a boa arte e a boa creación sempre foron incómodas para o poder. Houbo unha arte e unha creación que acompañaron ao poder. Nós cremos que hoxe por hoxe é unha banalización total da creación o feito de ser a banda sonora do réxime. Entón, penso que si, desde o mundo dos artistas e da creación, a xente está afeita a un traballo que non é molesto para ninguén, que non pon en dúbida nada. E iso non é o que buscamos nós.
"Para nós ese plano, o da Marca Barcelona, é un éxito, está a ser un éxito. Por ese motivo quen está morta é a cidade, non o plano"
Despois deste traballo, consideras que aquel famoso Plano Barcelona está morto?
Para nós ese plano, o da Marca Barcelona, é un éxito, está a ser un éxito. Por ese motivo quen está morta é a cidade, non o plano. Mais eu penso que estamos nun punto no que podemos cambiar as cousas, de revivir a cidade e acabar con ese modelo.
"Estamos traballando nun proxecto sobre control migratorio e racismo institucional. Contará os feitos sucedidos en Barcelona na noite de Reis de 2012, cando un mozo de 21 anos morreu baixo custodia policial"
Cal é o novo proxecto no que estades traballando?
Estamos traballando desde Metromuster, Xapo Ortega e eu, nun proxecto sobre control migratorio e racismo institucional. Contará os feitos sucedidos en Barcelona a noite de Reis de 2012, cando un mozo moi novo de vinte e un anos, morreu baixo custodia policial, nun centro de internamento de estranxeiros (CIE). Queremos reconstruír o camiño que fixo este mozo ata chegar a Barcelona, e preguntarnos que responsabilidades temos como españois, europeos ou cataláns, nese tipo de viaxes que ten que facer moita xente.