A caída do 'Obama galego'

Giménez, reunido con Alfonso Rueda como representante da Asociación Pueblo Gitano © Xunta

Hai menos dun ano o rostro de Sinaí Giménez ocupaba vallas publicitarias en Vigo. Presentábase como candidato á alcaldía da cidade olívica cun lema que, dende logo, tivo repercusión: "El Obama gallego". Iso si, o seu resultado (296 votos, o 0,21%) foi moi inferior á pegada mediática da súa campaña. Giménez era xa daquela un personaxe contraditorio. Como representante da comunidade xitana (secretario xeral da Sociedade Xitana en Galicia, presidente da Asociación del Pueblo Gitano de Galicia) era habitual velo nos despachos institucionais e nos medios de comunicación. Porén, xa daquela Giménez, coñecido como “o príncipe dos xitanos”, acumulaba acusacións de extorsión contra vendedores ambulantes.

Sinaí Giménez foi detido este martes en Tomiño, xunto con outros seis membros do clan de Los Morones, por presunta pertenza a organización criminal pola súa suposta relación coa extorsión a vendedores nos mercadiños. A operación policial, na que están participando un cento de efectivos e 30 vehículos, inclúe rexistros en catro vivendas da familia e tamén unha xestoría en Vigo.

En decembro de 2014 ao redor de 400 persoas, entre elas un cento de nenos e nenas, tiveron que abandonar Galicia en dirección a Zamora, tras decretar Giménez, líder dos Morones, o seu desterro. Un acordo coa Fiscalía permitiu o seu regreso meses despois. Con todo, ao longo de 2015 vivíronse varios episodios de violencia, mesmo con armas de fogo, incidentes que acabaron con varios feridos. Nos anos anteriores Giménez pasara varias veces polos xulgados.

A detención de Giménez é un capítulo máis nesa traxectoria dual, a medio camiño entre a representación institucional e as prácticas ilegais. Así, poucos meses antes de que o líder dos Morones decretase ese desterro, e mentres se sucedían as denuncias polas presións que exercía sobre vendedores ambulantes no sur de Galicia, Sinaí Giménez reuníase co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, como presidente da Asociación Pueblo Gitano en Galicia para trasladarlle as propostas do colectivo ao que representaba en materia de igualdade. De igual xeito, foi recibido pola presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, en 2010, na véspera da celebración do Día internacional do pobo xitano, co obxectivo de denunciar "as dificultades de integración" ás que se enfronta este colectivo

Uns anos antes podíase ver a Giménez promovendo a integración do pobo xitano tralo conflito que se producira en Poio pola negativa dunha parte da poboación a aceptar a chegada dun grupo de persoas desta etnia que foran desaloxadas do poboado do Vao. Ou impulsando a autoorganización desta comunidade, que suma ao redor de 20 mil integrantes en toda Galicia. 

O desembarco político de Giménez foi un novo paso, se cadra o derradeiro, nesa traxectoria pública. "Palabra de gitano", "Queremos ser tu voz", "Vigo necesita un alcalde sensato" ou "Voy a acabar con la mafia del PSOE" foron algúns dos lemas máis repetidos pola candidatura encabezada por Sinaí Giménez (Iniciativa Independiente) o pasado 24 de maio. Unha lista que non só adquiriu relevancia mediática en toda España polas súas mensaxes ou o seu líder, senón tamén polos peculiares apoios públicos que recibiu: as Azúcar Moreno ou Malena Gracia. De igual xeito, a número cinco da candidatura, Beatriz Carrera, foi portada de Interviú en plena campaña electoral. Curiosamente, en 2012 Sinaí Giménez apoiou a Mario Conde, detido tamén este luns, na derradeira aventura política do ex banqueiro e ofreceuse para liderar en Vigo Sociedad Civil y Democracia.

 

Sinaí Jiménez, no seu vídeo electoral para as municipais de 2015 Dominio Público Praza Pública
Na súa campaña, vendíase como "o Obama galego" Dominio Público Praza Pública
Giménez, reunido con Alfonso Rueda como representante da Asociación Pueblo Gitano © Xunta
Xuntanza con Pilar Rojo cando era secretario xeral da Sociedade Xitana en Galicia © Parlamento de Galicia
Giménez, entrevistado na Radio Galega © CRVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.