A Comisión Europea, a través do responsable de Medio Ambiente da UE, o comisario Janez Potocnik, vén de comunicarlle ao BNG que o Executivo comunitario “non foi informado” de ningún proxecto para a posta en marcha dunha mina en Corcoesto a cargo dunha multinacional canadiana. Na súa resposta á pregunta da eurodeputada Ana Miranda a Comisión fai unha detallada enumeración da lexislación europea que debe cumprir calquera tipo de proxecto de instalación mineira, como a Directiva sobre avalición de impacto ambiental, a Directiva de avalición medioambiental estratéxica e a Directiva sobre residuos da minería, lembrando ademais que o Estado español ten catalogado o cianuro como “contaminante específico” conforme a Directiva marco sobre auga con indicacións específicas para as augas superficiais.
En relación a falla de transparencia e de información pública que denuncian os veciños da zona que se vería afectada de saír adiante o proxecto, a Comisión Europea é contundente cando afirma que tanto a Directiva sobre residuos da minería como a Directiva marco sobre auga “inclúen claras esixencias en materia de participación pública e transparencia”, polas que tamén vela o propio Executivo da UE.