A cooperativa Erica Mel, premio 'Abertos ao Galego'

Logo da cooperativa Erica Mel Dominio Público Praza Pública

Abertos ao Galego, o proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística para a dinamización do galego no ámbito empresarial, entregará o III Premio á Cooperativa Erica Mel, de Arzúa, polo seu compromiso coa lingua galega, "unha empresa que abriu camiño no seu sector e foi pioneira na etiquetaxe en galego", destacan dende a organización do certame.

Erica Mel foi expedientada nos anos noventa pola Xunta por etiquetar en galego os seus produtos

Erica Mel naceu no ano 1990, está integrada por máis de 350 socios e socias e vende os seus produtos en todo o Estado. A cooperativa foi expedientada nos anos noventa pola Xunta por etiquetar en galego os seus produtos, e a presión social conseguiu que se retirase a sanción. No documental Galiza somos. A lingua en movemento, elaborado pola Mesa, o xerente da cooperativa lembra ese episodio e amósase “satisfeito do traballo ben feito, de estar onde debes estar e á altura dos tempos”. O xurado valorou o compromiso co galego demostrado pola empresa "que se mantivo firme no uso do galego, abrindo o camiño para que vinte anos despois sexa habitual atoparmos este tipo de produtos etiquetados en galego en calquera supermercado".

O xurado tamén recoñeceu cunha mención especial a Radio Fene, emisora municipal que fai 30 anos. Destaca que "foi no seu momento a primeira radio pública local que, con carácter estábel, empregou integramente a lingua galega nas súas emisións, que principiaron en setembro de 1984". En entrevista con Praza o director de Radio Fene, Henrique Sanfiz, destacaba que a emisora "naceu co obxectivo de promover a lingua e a cultura galega, ademais de poñer unha ferramenta de comunicación ao servizo da cidadanía. Eran momentos, en setembro de 1984, onde non había ningunha radio que emitise integramente en galego"

O xurado tamén recoñeceu cunha mención especial a Radio Fene, emisora municipal que fai 30 anos. Destaca que "foi a primeira radio pública local que, con carácter estábel, empregou integramente a lingua galega nas súas emisións"

O premio, de carácter simbólico, materialízase na pertenza durante un ano ao Proxecto Abertos ao Galego. A entrega dos premios será o 19 de decembro ás 19 horas no Museo Provincial de Lugo. O acto será presentado pola actriz Iria Sobrado e contará coa actuación musical de Caxade.


Edicións anteriores

Abertos ao Galego é un proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística que ten como obxectivo a dinamización do galego no mundo da empresa. Partindo dun certificado de calidade asociado ao uso da lingua de Galicia, desde Abertos ao Galego promociónase a actividade das empresas que traballan en galego, ademais de fornecer argumentos á sociedade sobre a relevancia do uso do noso idioma por parte dos diversos tipos de empresas para conseguirmos un "consumo responsábel co noso idioma".

As dúas primeiras edicións foron para Tuenti e San Luís

Na primeira edición do Premio Abertos ao Galego, en 2012, o xurado decidiu outorgarllo á empresa Tuenti Technologies, promotora da rede social máis popular entre a mocidade naquel momento. En 2013 a II edición dos premios foi para San Luís, cadea coruñesa de electrodomésticos. O seu propietario, Lorenzo López, destacaba que "xa demostramos no pasado que fomos líderes falando, vendendo e publicitando en galego; gustaríame ser capaz de volver demostralo".

Logo da cooperativa Erica Mel Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.