A Coruña celebra o 35º aniversario dun Centro de Planificación Familiar "pioneiro e reivindicativo"

A concelleira Rocío Fraga co cadro de persoal do COF da Coruña © Concello da Coruña

O Centro de Planificación Familiar da Coruña cumpre 35 anos neste ano. O aínda coñecido como COF (polo seu antigo nome, Centro de Orientación Familiar) celebra da man do Concello este aniversario durante este último cuatrimestre cunha morea de actos que visibilizan e reivindican o importante labor dunha entidade pioneira en Galicia e practicamente no Estado e que mantén o seu espírito "reivindicativo, innovador e feminista". O mesmo co que foi fundado a finais de 1983. 

O Centro de Planificación Familiar da Coruña celebra o seu 35º aniversario con moreas de actos no último cuatrimestre do ano

Foi o Concello da Coruña quen creou o centro ao pouco da volta da democracia, cando espazos coma este eran escasos ou cun enfoque ben diferente. Daba así cobertura á atención á saúde sexual e reprodutiva, que no seu día non estaba nin contemplada como prestación sanitaria dentro da Seguridade Social. En 1982 había un centro por cada provincia dependente das antigas delegacións de Sanidade. 

"Foi pioneiro porque a rede que había era escasa e diferente. Os primeiros COF foron abertos por colectivos feministas nalgúns puntos do Estado, pero logo algúns dos primeiros concellos democráticos decidiron asumir este labor e o da Coruña foi un deles; cando abriu, apenas había nalgunha outra cidade do Estado", lembra María Xesús Díaz, psicóloga clínica do Centro de Planificación desde hai 30 anos. 

"O COF da Coruña naceu cunha filosofía distinta a outros centros, tiñamos unha dimesión máis educativa e máis flexible"

Desde sempre, foi diferente. "Naceu con outra filosofía distinta ao resto que, ao depender de Sanidade, tiñan consulta pero non ían máis aló; aquí tiñamos máis posibilidades para darlle unha dimensión máis educativa, pedagóxica... Eramos máis flexibles", explica Díaz, que aclara que o COF segue a manter ese espírito "reivindicativo" e de forte vencello aos movementos sociais, veciñais, feministas ou LGBTIQ. A explicación, para esta profesional, é clara: "O centro creouse ao pouco da morte de Franco e a xente que comezou a traballar nel era moi reivindicativa e activa porque viñan da loita contra o franquismo; iso marca e marcou tamén o espazo"

A cidadanía coruñesa da súa área sempre tivo neste centro, xestionado pola administración local a través dun convenio co Sergas e a poucos metros da Torre de Hércules, unha referencia no que ten que ver coa educación e a información sobre saúde afectivo-sexual. "Depender do Concello permítenos manexar orzamentos máis flexibles", explica Díaz, que conta que a intención de Sanidade en canto á educación para a saúde e atención comunitaria "quedou en nada". "A maioría dos dispositivos do Sergas fan consultas, pero nós coordinámonos con varias concellerías e iso dános a oportunidade de facer moitas cousas: atención, información, charlas, faladoiros, teatro, contacontos, conferencias...". 

Concello e COF destacan o labor do centro "malia os múltiples recortes" que a Xunta aplicou a estes espazos

Rocío Fraga, concelleira de Igualdade e Diversidade, destacou na presentación dos actos do 35º aniversario o importante labor do COF "malia os múltiples recortes que veñen sufrindo todos os servizos vinculados á sanidade pública, en especial na saúde afectivo-sexual e reprodutiva e, en concreto, a das mulleres". Ademais, lembrou que o centro coruñés vén denunciando desde 2012 "unha importante sobrecarga nas atencións xinecolóxicas ante o peche deste servizo no centro de planeamento do Ventorrillo".

"A Xunta está deixando morrer os centros de planificación familiar", destaca María Xesús Díaz, psicóloga clínica do COF

"E seguimos igual", conta Díaz, "a pesar de que colectivos veciñais, feministas ou de defensa da sanidade pública se mobilizaron arreo". Agora, o servizo xinecolóxico dáse só neste centro. "Se unha muller ten que poñer un DUI, o Sergas mándanola aquí, é unha tolemia", conta quen aclara que a Xunta "está deixando morrer os COF". "Non cobren prazas cando hai xubilacións, rotan os profesionais, non os mandan todos os días... Aquí mantemos o equipo ao completo pero non pasa así en todos", engade. 

Centro de Planeamento Familiar no barrio da Torre, na Coruña / © Google

En 2009, ademais, a Xunta decidiu eliminar tamén o programa Tarde Xove, que agora será recuperado noutro formato polo Concello. "Tiña un papel moi importante á hora da prestación de servizos de atención á poboación xuvenil da Coruña, nun momento, ademais, no que o 25% de todas as consultas contabilizadas no COF eran de menores de 20 anos", explicaba Fraga. Agora, malia a imposibilidade de consultas ao non haber profesionais do Sergas, si haberá obradoiros os mércores e xoves á tarde, horario clave para achegar a mocidade. "Desde que deixamos de abrir polas tardes os máis novos deixaron de vir pero agora coido que recuperaremos esa franxa de idade", explica Díaz, que aclara que se ofrecerá información sobre o sexting ou a diversidade sexual, entre outros temas, ademais de sobre anticoncepción.

O Concello da Coruña recupera o programa Tarde Xove, dirixido á mocidade, que foi eliminado polo Sergas en 2009

María Xesús Díaz leva 30 anos no Centro de Planificación Familiar e aprecia mudanzas nestas tres décadas. "A xente atrévese máis a formular dúbidas ou dificultades sexuais. Antes viña con moita vergoña e nerviosa", explica quen aclara que agora tamén "hai moita poboación trans, lésbica ou bisexual que se achega para informarse ou recibir asesoramento" cando antes non era tan habitual.

Os actos polo 35º aniversario inclúen concertos, teatro, faladoiros ou obradoiros até o mes de decembro

Todos, os de agora e os de antes, están chamados a celebrar un 35º aniversario que deu xa comezo aos numerosos actos que se estenderán até mediados de decembro. Neste xoves terá lugar o faladoiro inaugural da conmemoración sobre O papel do movemento feminista na defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos nos últimos 50 anos, que impartirá Lola Ferreiro Díaz e moderará María Xesús Díaz: "O papel do feminismo foi, é e será importante, ao igual que a dos colectivos sociais que sempre tiveron importancia neste COF".

Xa o venres 28, o Campo da Leña acollerá, desde as 21 horas, o Concerto dos praceres seguros e diversos, que contará coas actuacións de Taller Naranja Imaginario, Ezetaerre, Tanxugueiras e Wöyza. Desde outubro e até decembro, obradorios para famililas nas bibliotecas ou contacontos dirixidos aos máis pequenos. Tamén faladoiros ou espectáculos teatrais para centros educativos, entre outras moitas actividades.

Programación de actividades polo 35º aniversario do Centro de Planificación Familiar da Coruña

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.