A Coruña: Moita policía (privada), pouca diversión

Vehículos da Policía Local da Coruña Dominio Público Praza Pública

A seguridade e a policía sáenlles caras aos coruñeses e coruñesas. Ademais da estrutura de Policía Local que posúe como calquera cidade do seu tamaño, o Concello adoita gastar unha importante cantidade de cartos públicos na contratación de seguridade privada. Fíxoo unha vez máis, esta mesma semana, na cabalgata de Reis, no marco do conflito laboral que mantén aberto cos axentes da Policía Local polo incumprimento do acordo salarial de 2009. Porén, como denuncia Esquerda Unida, a externalización da seguridade na Coruña e, polo tanto, o seu dobre pagamento é habitual nos últimos anos.

2,27 millóns foron destinado a Ferrovial, 1,82 millóns a Samyl, 1,78 millóns a Sermasa, 1,61 millóns a Protección Patrimonios e 1,20 millóns a Alianzas y Subcontratas

A formación subliña que no que vai de lexislatura o Goberno municipal encabezado por Carlos Negreira gastou case nove millóns de euros en contratar servizos de seguridade privada. E todo isto sen contar o desembolsado na seguridade de festexos. 2,27 millóns foron destinado a Ferrovial, 1,82 millóns a Samyl, 1,78 millóns a Sermasa, 1,61 millóns a Protección Patrimonios e 1,20 millóns a Alianzas y Subcontratas. Ademais, sinala EU, o IMCE (Instituto Municipal Coruña Espectáculos) recoñece un gasto medio anual de 164.228 euros en contratacións directas de seguridade "pero néganse a facilitar os datos das constantes subcontratacións de seguridade privada que se realizan en festexos como San Xoán ou en actuacións musicais e que supoñen tamén un importante gasto".

Dende hai tempo traballadores e traballadoras da policía local da Coruña levan a cabo accións de protesta ante a negativa do alcalde a cumprir o acordado

O voceiro de EU-V, César Santiso, salienta que “Negreira gasta os cartos contratando seguridade privada en lugar de cumprir o seu compromiso coa policía local de facer efectivo o acordo salarial de 2009” e afirma que "con 288.000 euros anuais poderíanse cumprir o acordo plenario", para incrementar en 80 euros mensuais o salario destes axentes. Dende hai tempo traballadores e traballadoras da policía local da Coruña levan a cabo accións de protesta ante a negativa do alcalde a cumprir o acordado; por exemplo, néganse a realizar horas extra, reducen o volume das multas impostas ou, como sucedeu esta semana, declaran de forma masiva estar enfermos para non levar a cabo unha tarefa (por exemplo, acompañar a cabalgata de Reis). Santiso denuncia que Negreira "é un convidado de honor do lobby da seguridade privada, dado que contrata a dedo estes servizos para os numerosos festexos organizados polo Concello, no canto de confiar nos servizos públicos de seguridade que resultan obxectivamente máis económicos".

Santiso lembra, así mesmo, que "o 70% do negocio da seguridade privada está en mans dunha ducia de empresas con consellos de administracións e beneficiarios onde figuran políticos e familiares relacionados co bipartidismo monárquico, entre elas a irmá de Nuñez Feijoó que é a apoderada de EULEN, empresa xa acostumada a recibir contratos a dedo do Concello e da Xunta”. Precisamente foi EULEN a empresa á que lle foi adxudicada a seguridade da cabalgata de Reis desta semana. EULEN beneficiouse nos últimos tempos de numerosas adxudicacións na Coruña, entre elas a xestión da rede de bibliotecas da Coruña, un contrato de 2,3 millóns de euros do que se eliminou o requisito da experiencia previa neste tipo de tarefa.

"A solución da contratación de seguridade privada no Concello é un saqueo e non unha necesidade”, conclúe Santiso

"A solución da contratación de seguridade privada no Concello é un saqueo e non unha necesidade”, conclúe Santiso, instando o Concello a "loitar pola mellora do servizo público, que entre outras cousas acredita ser máis económico e está sometido a maior control democrático".

Vehículos da Policía Local da Coruña Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.