Dende a tardiña deste domingo (na noite do sábado no resto dos concellos afectados) os ferroláns e ferrolás xa poden consumir sen risco a auga da billa. "Unha vez pase esta crise será hora de dirimir responsabilidades". Nunha das primeiras comunicacións que o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, realizou a través das redes sociais para informar das restricións decretadas, apuntaba que aínda non era o momento de entrar en debates sobre a xestión realizada por Xunta, Concello e Emafesa. Unha vez restablecida a normalidade na subministración, este luns analízase a cadea de decisións de cada parte, unha tarefa que xa está a realizar en paralelo a Fiscalía e unha investigación a cargo do propio Concello, á espera de que se poida mesmo crear unha comisión ad hoc no Parlamento.
Porén, á marxe desta investigación sobre as causas da contaminación e do atraso na súa comunicación, a crise vivida nos últimos días en Ferrolterra puxo de máxima actualidade un debate que en Ferrol leva meses enriba da mesa: a remunicipalización do servizo de auga, na actualidade en mans de Emafesa, unha empresa mixta participada polo Concello e por Urbaser. O rexedor manifestaba este domingo a súa aposta pola "remunicipalización de servizos, para unha mellor prestación en beneficio do interese social e non empresarial", unha das medidas centrais do programa co que Ferrol en Común chegou á alcaldía o pasado 24 de maio.
A recuperación da xestión directa do servizo de auga e saneamento (un proceso en marcha en Teo e que en 2016 comezará en Carnota) leva meses no debate político en Ferrol, en boa medida por mor da imposición da nova taxa de saneamento. En febreiro, Alexandre Carrodeguas, portavoz da comisión de seguimento para o saneamento integral da ría de Ferrol, avogaba pola "remunicipalización do servizo de augas" porque -dicía- "só dende a xestión pública e integral do ciclo da auga poderemos garantir a necesaria transparencia e eficiencia no servizo e evitar este tipo de abusos onde se poñen os intereses empresariais por riba dos intereses de todos e todas". A finais de xuño entregáronse no Concello as 3.100 sinaturas recollidas en demanda da remunicipalización.
Este mesmo domingo La Voz de Galicia publicaba unha enquisa que amosaba que unha ampla maioría dos habitantes de Ferrol (o 67%) apostaba pola recuperación para a xestión municipal dos servizos que foran privatizados
Este mesmo domingo La Voz de Galicia publicaba unha enquisa que amosaba que unha ampla maioría dos habitantes de Ferrol (o 67%) apostaba pola recuperación para a xestión municipal dos servizos que foran privatizados ou externalizados. Tan só o 17,7% se manifestaba en contra. Ademais, segundo a sondaxe, a metade dos entrevistados considera que a remunicipalización implicaría un abaratamento dos servizos, fronte a un 21% que pensa que se encarecerían. Un 53% cre que serían máis eficientes se fosen xestionados directamente pola administración pública, mentres que un 27% pensa o contrario.
Un problema de saúde pública convertido en liorta política
Dende o mesmo xoves no que se informou dos elevados niveis de trihalometanos na auga, superiores aos máximos recomendados pola OMS, a crise converteuse tamén nunha liorta política entre a Xunta e o Concello, con Emafesa polo medio, con acusacións cruzadas e unha completa falta de comunicación. O Concello criticoulle ao Goberno galego o atraso na comunicación do problema (coñecía os niveis dende o día 14 e non llo fixo saber aos concellos ata o 16), a negativa a activar un plan de emerxencia, o terse "desentendido" dun problema de saúde pública que é da súa competencia, ou o feito de non ter realizado máis que unha análise illada o sábado, producindo un nesgo nos resultados que adiou a resolución do problema en Ferrol un día máis.
Pola súa banda, a Xunta, ben a través da conselleira Ethel Vázquez, ben a través da delegada territorial Belén do Campo, sinalou que a responsabilidade lle correspondía ao alcalde de Ferrol, posto que -nominalmente- figura como presidente da empresa mixta Emafesa. O deputado popular Miguel Tellado chegou a acusar ao goberno local a través das redes sociais de dar auga "envelenada" durante dez días, coñecendo o problema. E a Xunta difundiu un comunicado criticando "a postura de enfrontamento do alcalde de Ferrol".
Dende o Concello sempre se reiterou que aínda que a administración local posúe o 51% da empresa Emafesa, "a parte técnica é levada por Urbaser que non comunicou absolutamente nada"
Dende o Concello sempre se reiterou que aínda que a administración local posúe o 51% da empresa Emafesa, "a parte técnica é levada por Urbaser que non comunicou absolutamente nada". O xerente de Emafesa, Alejandro Pisa, xustificou nunha entrevista parte do atraso da detección do problema en que as mostras non foron marcadas como "urxentes" para a súa análise.
Cronoloxía dunha crise
- 29 de xuño: Emafesa envía para a súa análise nun laboratorio de Castellón unha mostra de auga.
- 6 de xullo: Recíbense os resultados, que amosan niveis de ata 180 microgramos de trihalometanos por litro. Emafesa remite unha nova mostra para a súa análise.
- 8 de xullo: Este día debería ter chegado a confirmación do problema. Pero o laboratorio alega que as mostras non foran marcadas como urxentes
- 13 de xullo: A fin de semana (do 11 e 12 de xullo) adía os resultados que confirman a contaminación. Emafesa ponse en contacto coa Xunta para informar do problema. Sanidade pide máis probas
- 16 de xullo: A Xunta decreta as restricións do consumo de auga en Ferrol, Narón, Fene, Ares e Mugardos e informa por vez primeira aos concellos. Esgótase a auga embotellada nos supermercados da comarca. Os niveis de trihalometanos son xa máis baixos, roldando o máximo permitido (superando por pouco os 100 microgramos por litro)
- 17 de xullo: Pola tarde chegan a Ferrol varios camións con miles de litros de auga embotellada para a súa distribución de balde. A Fiscalía abre dilixencias pola contaminación da auga e a xestión da crise. E tamén o Valedor do Pobo abre de oficio unha investigación.
- 18 de xullo: O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, pídelle á Xunta que activase un plan de emerxencia para a comarca. O vicepresidente Alfonso Rueda respóndelle a través da prensa que "non se trata de activar emerxencias alegremente". A xefa territorial de Sanidade reúnese en Ferrol cos alcaldes dos concellos afectados, nunha tensa xuntanza na que lle recriminan que tardase tres días en acudir á comarca. A Xunta levanta a restrición de consumo de auga en todos os concellos afectados, agás Ferrol, aducindo que os niveis na cidade son aínda de 130 microgramos por litro (fronte aos 87 de Narón ou os 54 de Fene). O Concello asegura que as súas análises amosan niveis inferiores a 100 na cidade, e critica que a Xunta basease a súa decisión nunha única análise realizada nun lugar de escaso movemento de auga.
- 19 de xullo: Levántanse as restricións tamén en Ferrol, ao anunciar o Goberno galego que as analíticas amosaban uns niveis de 33 microgramos por litro. A Xunta e os Gobernos municipais dos concellos afectados acordan crear unha comisión técnica de seguimento.