A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña vén de facer un novo intento na procura de que o Concello cumpra cos acordos municipais do propio goberno local para a retirada de máis de trinta símbolos franquistas aínda presentes na urbe e para que cumpra así tamén coa Lei da Memoria Histórica, aprobada en 2007, que exixe a retirada de todo tipo de simboloxía da ditadura fascista por parte das administracións.
A CRMH propón ao alcalde unha moción para a retirada dos símbolos franquistas aínda presentes na cidade
Logo de que o xulgado do contencioso-administrativo número 4 da Coruña admitise a trámite o recurso interposto pola CRMH polo incumprimento destes acordos, o que obrigará ao Concello a responder ante a xustiza por manter rúas franquistas, a Comisión entregou este mércores no rexistro municipal un escrito dirixido ao alcalde Carlos Negreira cunha proposta de moción para a súa aprobación en pleno sobre a eliminación destes símbolos fascistas na cidade.
Nesta proposta, que será entregada a todas as organizacións políticas para que sexa incorporada aos programas electorais, a CRMH solicita a supresión da simboloxía franquista que aínda queda na cidade "no prazo de tres meses" e en cumprimento así do acordo plenario de setembro de 2009 xa que, malia ser licitada a retirada das placas, nada nunca se fixo.
A moción prevé a retirada dos símbolos franquistas en tres meses e a supresión do título de fillo adoptivo a Manuel Fraga
Así, a CRMH lembra que deberían suprimirse as denominacións de diferentes lugares como a avenida Calvo Sotelo, peirao de Calvo Sotelo, praza de José Toubes, avenida Salgado Torres, peirao Almirante Vierna, Diego Delicado Marañón, Disciplina (recuperando o seu nome tradicional de Liberdade) ou avenida de Primo de Rivera.
Tamén se reclama a eliminación da distinción honorífica de fillo adoptivo a Manuel Fraga, concedida en 1968 polos "servizos prestados á ditadura franquista", así como a Laureano López Rodó, ministro da ditadura; Diego Delicado Marañón, presidente da Deputación no franquismo, José Manuel Pardo de Santayana, gobernador civil na ditadura e xefe provincial do Movimiento e José Calvo Sotelo, que tamén é fillo predilecto.
Do mesmo xeito, solicítase a retirada dun escudo franquista que se conserva no palacio municipal, así como do busto do alcalde franquista Sanjurjo de Carricarte, dos retratos doutros rexedores franquistas, da denominación do grupo de vivendas Pardo de Santayana ou a de todos os centros docentes que manteñen denominacións vinculadas a personaxes relevantes da ditadura e da represión fascista.
A proposta reclama unha lembranza aos funcionarios municipais represaliados e o recoñecemento a todas as vítimas do franquismo
Por outra banda, na proposta de moción tamén se solicita que se coloque no palacio de María Pita unha placa que "lembre e honre todas as persoas que traballaban no Concello e que foron asasinadas ou represaliadas despois da sublevación militar de 1936", como o alcalde Alfredo Suárez Ferrín, o secretario Joaquín Martín Martínez, o xefe de negociado Francisco Prego Campos e decenas de funcionarios municipais.
Ao tempo, reclámase que o vello cárcere tamén conte cunha "lembranza" aos represaliados que alí estiveron e pídese un "recoñecemento institucional" ás vítimas da ditadura e que o pleno da corporación abprobe unha declaración de condena do franquismo e "do uso da violencia para conseguir o poder", tal e como recolle a Lei da Memoria Histórica.
A proposta vai máis aló e reclama tamén o apoio á querela arxentina contra a ditadura, a derrogación da Lei de Amnistía de 1977, a devolución ao patrimonio público do pazo de Meiras e da Casa Cornide e a elaboración dunha guía didáctica sobre os lugares da memoria na que se recolla unha historia de represión franquista.