- "Os incendios de Portugal non son inevitables"
- PLADIGA | Cinco entidades plantan á Xunta pola demora en presentarlles o plan contra o lume
- ENCE carga contra Pontón por lanzar críticas "indocumentadas e malintencionadas" ao eucalipto
Nos días posteriores ao terrible incendio que arrasou Pedrógão Grande matando 64 persoas, iniciouse un debate sobre as causas -directas ou estruturais- que provocaron unha catástrofe de tal dimensión e que fixeron que o lume se estendese tan rapidamente e fose tan difícil de controlar. Ao igual que sucedeu noutras ocasións, foron moitas as voces que sinalaron a ausencia de labores de prevención e tamén de esforzos educativos para sensibilizar a poboación sobre a necesidade de evitar os incendios. E tamén sobre que facer no caso de que un se produza.
O pasado venres, a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago acolleu a defensa da tese de doutoramento de María da Conceiçâo Almeida Colaço, co-dirixida polo profesor de Educación Ambiental na USC Pablo Ángel Meira Cartea e por Manuel Cardoso Castro Rego, docente da Universidade de Lisboa. A investigación, titulada Bases para uma educação ambiental orientada para a diminuição do risco e aumento da resiliência das comunidades aos incêndios florestais em Portugal, subliña a importancia da formación para evitar os incendios no país luso e critica a ausencia destas iniciativas nos últimos anos.
Almeida Colaço sinala os lumes forestais como a principal ameaza para o desenvolvemento, rendibilidade e sustentabilidade das superficies forestais lusas, ao tempo que responsabiliza deste risco permanente á elección de especies de ciclo curto como o eucalipto. A investigadora salienta "o elevado grao de acumulación de vexetación (combustible) directamente ligado co abandono rural e a non xestión dos espazos rurais", así coma "as alteracións climáticas que potencian as condicións meteorolóxicas que conducen de máis, a maiores e máis intensos incendios forestais".
"O gústame vivir e estar en espazos forestais, pode contribuír para diminuír o abandono e o despoboamento destas áreas"
A investigadora defende unha maior aposta pola prevención para minimizar a pegada dos lumes, potenciando as accións educativas orientadas a este fin, pero dirixíndoas especialmente á poboación de áreas rurais. Xulga importante, ademais, a implicación dos técnicos forestais como mediadores entre as situacións de risco por incendios, a xestión técnica forestal e a sensibilización da sociedade lusa. Propón, a este respecto, incidir no "traballo coa poboación escolar e co público en xeral para recoñecemento do bosque como un ben valioso e para a valoración dos seus recursos" pero tamén coas persoas que viven neses espazos e fan uso del, pois "o gústame vivir e estar en espazos forestais, pode contribuír para diminuír o abandono e o despoboamento destas áreas", sinala. A investigación reclama tamén "traballo participativo coa poboación rural para en conxunto saberen como se recoñece o risco de incendio e porque algúns dos traballos desempeñados nesa altura de risco se tornan comportamentos perigosos que poden dar orixe a incendios".
"Pouca educación centrada na prevención dos incendios"
"Hai unha desconexión entre os grupos aos que se dirixen os escasos esforzos educativos e os grupos que realmente necesitan esa educación"
Pablo Meira, profesor de Educación Ambiental e co-director da investigación, destaca que "en Portugal, que é o país europeo máis afectado polos incendios, o 97% son producidos polos seres humanos, ben intencionados, ben por imprudencias, teñen causas antrópicas e non naturais". Porén, "hai moi pouca educación centrada na prevención dos incendios e na cultura forestal e a que hai concéntrase nas idades escolares, esquecendo precisamente as poboacións máis vulnerables e que viven en zonas de risco, máis próximas aos lugares nos que se producen os incendios, e obviando grupos específicos que teñen unha maior responsabilidade na xestión do monte". "Hai unha desconexión entre os grupos aos que se dirixen os escasos esforzos educativos e os grupos que realmente necesitan esa educación", resume.
"A tese estuda tres freguesías moi afectadas polos grandes incendios do ano 2003. Dende entón non houbo ningunha acción educativa dirixida a esas poboacións locais"
"A tese estuda tres freguesías moi afectadas polos grandes incendios do ano 2003, que foron un antecedente do que acabamos de vivir a semana pasada. Dende entón non houbo ningunha acción educativa dirixida a esas poboacións locais. Non houbo ningunha experiencia preventiva posterior, a pesar da gravidade do que sucedera en 2003", sinala. "O abandono do mundo rural non é só económico, senón que é cultural. Dedícanse poucos recursos para traballar coas comunidades rurais para ver cal é a súa percepción do risco", engade.
"As vagas de incendios que estamos sufrindo son relativamente modernas, iniciándose nos anos 60 ou 70. Cando as zonas rurais estaban máis habitadas e as actividades agropecuarias e forestais ocupaban alí a unha porcentaxe moi alta da poboación, era moi difícil que se producisen catástrofes das dimensións que estamos a ver hoxe en día", comenta Meira. O profesor da USC salienta que "hai que ter en conta que hoxe a maior parte da poboación portuguesa e galega é xa poboación urbana e que polo tanto non ten un contacto directo coas grandes extensións de monte onde se producen os incendios forestais máis graves". "Ese é un factor moi importante: hoxe os incendios míranse maioritariamente dende fóra, case coma se fose un espectáculo, e as poboacións que viven próximas ao monte son cada vez de maior idade, con cada vez menores capacidades para previr e para defenderse no caso de que se produza un incendio extremo", subliña.
"Hai que ter en conta que hoxe a maior parte da poboación portuguesa e galega é xa poboación urbana e que polo tanto non ten un contacto directo coas grandes extensións de monte onde se producen os incendios forestais máis graves"
Meira, salienta o papel clave que na loita contra o lume e, en concreto, no traballo de formación e sensibilización, teñen os técnicos forestais. Outra parte da tese analiza como é na actualidade en Portugal a formación destes técnicos forestais. "Debido ao Plan Boloña, esta titulación pasou de 4 a 3 anos, o que implicou a desaparición dos poucos elementos que había no currículo relacionados coa dimensión social da xestión forestal, os ligados á comunicación, á educación, á cultura rural...", explica Meira. "Nunha enquisa que realizamos con 220 técnicos, aparecía que un dos baleiros que eles mesmos detectan na súa formación se refire ás habilidades sociais para poder interactuar coas comunidades rurais. Xa que outro obstáculo detectado é que en Portugal a maior parte dos técnicos proceden xa do mundo urbano, o que lles impide actuar con estas comunidades rurais de maneira máis efectiva", comenta.
"Debido ao Plan Boloña, esta titulación pasou de 4 a 3 anos, o que implicou a desaparición dos poucos elementos que había no currículo relacionados coa dimensión social da xestión forestal"
"Outro dos problemas que detectamos en Portugal era que non hai relación entre as poucas accións educativas que se levan a cabo e as políticas forestais. Unhas e outras van en liñas paralelas pero sen coordinarse. Son dous mundos que apenas se tocan e isto nótase nos resultados", sinala. De aí a importancia que se outorga a que este traballo fose codirixido por un integrante do Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC e por un docente portugués que é enxeñeiro forestal, o mesmo que a doutoranda. Deste xeito "tentamos tender pontes entre unha disciplina de xestión técnica e outra disciplina de carácter social e de intervención educativa", conclúe Pablo Meira.